Skip to main content
Palas de Rei

A Plataforma Ulloa Viva di que Altri vertería 30 millóns de litros contaminados

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

A Plataforma Ulloa Viva, integrada por entidades veciñais e organizacións sociais, entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), trasladaron información ao respecto da campaña de alegacións desenvolvida nos últimos meses fronte á captación industrial de auga solicitada pola fábrica de celulosa Altri para a súa instalación en Palas de Rei (Lugo).

En representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) a nosa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba Seivane, destacou o forte impacto que industrias coma esta teñen en cuestións esenciais para a produción de alimentos, como son a dispoñibilidade de terra agraria, escaseza de auga ou o aumento de risco de lumes, ca perigosidade que iso implica para as persoas que vivimos no medio rural. “A construción desta fábrica virá acompañada dun enorme aumento da superficie de eucalipto na zona centro de Galicia, sobre unhas 60.000 hectáreas. Isto é moi preocupante se temos en conta que a día de hoxe xa tan só temos un 21% de superficie agraria útil. Para que as granxas podan ser viables precisamos base territorial. Ademais, non podemos esquecer os graves lumes que estamos tendo nestes últimos anos, que causaron o falecemento de varias persoas e afectaron a moitas vivendas, así como a constante perda de biodiversidade que implica o monocultivo forestal”, concretou.

Ademais, veríanse minadas a reputación de importantes denominacións de orixe galegas, como por exemplo a DO Queixo Arzúa Ulloa -a segunda en produción a nivel de todo o Estado, superando os 4 millóns de quilos- ou Ternera Gallega, con forte implantación ambas na comarca, ao tempo que poría moi en entredito a viabilidade das producións ecolóxicas da comarca.

Os prexuízos que a construción dunha fábrica de celulosa tería na comarca da Ulloa, así como en toda a área da Ría de Arousa, impactarían de xeito directo tanto noutros sectores produtivos, como o marisqueo, a pesca ou o turismo, como no día a día da poboación residente nestas áreas.

Como destacaron hoxe as voceiras e voceiros da Plataforma Ulloa Viva, a fábrica tería un consumo 46 millóns de litros de auga/día, a cambio do cal verterá 30 millóns de litros de auga contaminada con substancias químicas e tóxicas diarios, degradando a calidade de augas do río Ulla.

Este acaparamento de recursos hídricos implicaría tamén que, en períodos estivais de seca, coincidentes cos de maior poboación na contorna afectada, deixaría sen auga os concellos que se fornecen do río Ulla (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Padrón, Dodro, Catoira, Valga, Pontecesures, Vilagarcía e Teo), afectando a arredor de 200.000 persoas.

Canda a posible escaseza de auga, a contaminación atmosférica nun radio de 30 quilómetros, con problemas derivados como enfermidades pulmonares e choiva aceda, así como o fedor que desprenden este tipo de industrias degradarían gravemente a calidade de vida de milleiros de persoas.

O forte impacto estético, ecolóxico, paisaxístico e sanitario de Altri tería tamén consecuencias directas no principal motor económico de Melide e Palas de Rei: o Camiño de Santiago, por onde pasaron case medio millón de peregrinos e peregrinas no 2023.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas animamos á poboación a que se informe sobre os impactos que vai ter esta industria de celulosa e a presentar alegacións á mesma manifestando a súa disconformidade co proxecto, que inda por riba, de ser realizado aproveitaríase de máis de 500 millóns de cartos públicos de fondos europeos. O prazo de alegacións está aberto até o 17 de abril.