Skip to main content
Monforte

O cartel da XX edición da Feira Medieval de Monforte está protagonizado por unha muller guerreira

Por 12 Marzo, 2024Abril 16th, 2024Sin comentarios

A campaña promocional da XX edición da Feira Medieval de Monforte foi presentada polo equipo de Goberno, un evento que se celebrará os vindeiros 30 e 31 de marzo de 2024. En concreto, a campaña apoiarase en dous elementos fundamentais, o cartel e o vídeo oficiais.

Con estes dous elementos, o alcalde de Monforte, José Tomé, anunciou o desenvolvemento dunha campaña de promoción “igual de intensa que a que fixemos nos pasados anos, para que a xente poida incluír a Feira Medieval dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, que veñan a Monforte”, campaña que se sustentará nos dous elementos antes mencionados.

Na presentación, o rexedor fixo énfase en que “por fin chegamos aos 20 anos de Feira Medieval de xeito ininterrompido, e despois desta 20 edición, xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025″.

Neste senso, José Tomé incidiu en que “é de xustiza que a Xunta de Galicia nos outorgue un recoñecemento, coma Feira de Interese Turístico Galego, que cremos que xa hai anos nos tiña que ter recoñecido, porque a Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da nosa cidade a nivel cultural e comercial, é un dos eventos máis destacados do noso calendario anual, xa que representa un importante atractivo turístico e axuda a atraer miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra”.

O cartel da XX edición da Feira Medieval, “foi escollido entre diversas propostas porque conxuga varios elementos que para nós son claramente centrais da nosa feira e incorpora a presenza da figura da muller”, explicou Tomé.

Este ano a Feira Medieval celébrase no mes de marzo, que é o mes que xira arredor do 8M Día internacional da Muller. “Por iso, decidimos a figura da muller tivera unha presenza central no cartel, que sae da Porta da Alcalzaba, que é a porta máis importante e antiga da Muralla de Monforte”. Esta figura feminina guerreira protagonista do cartel, “transmite toda a forza e valentía coa que celebramos esta Feira Medieval”.

Vídeo promocional

O vídeo promocional para este ano 2024,”co que quixemos facer unha recompilación de imaxes destes últimos anos, é unha homenaxe ao vixésimo aniversario da Feira que alcanzamos este ano. A nosa proposta audiovisual, cunha duración de algo máis de 6 minutos, está configurada a través dunha música heroica, intensa e que vai aumentando, acompañando e sendo o fío condutor desas imaxes que, a modo de recompilación, son tamén un resumo dos eventos máis destacados desta Feira Medieval”.

Deste xeito, o vídeo recolle o que son os eixos centrais protagonistas da Feira, que nos permiten, tal e como destaca o vídeo “un reencontro coa época medieval de Monforte de Lemos”: os espectáculos de cetrería, o Mercado medieval con máis de 130 postos este ano, o Campamento medieval, as Xustas e o Gran Torneo medieval, o Campamento infantil, os espectáculos de luz e son no Palacio Condal ou na Praza do Campo de San Antonio, ou a solta de faroliños dende a praza Luis de Góngora.

Este vídeo será proxectado no MUPI do Cardenal, no Mercado para a Medieval, e nas pantallas que estarán durante a celebración da Feira en San Vicente e na Praza de España. Unha versión máis reducida do vídeo, de minuto e medio, será a que se faga circular polas nosas redes sociais e na páxina web do Concello, para acadar a máxima difusión posible deste evento.

Presentación do programa oficial

O terceiro elemento de promoción da Feira Medieval será o Programa Oficial, que será dado a coñecer durante a inauguración do Mercado para a Medieval, que terá lugar o 16 e 17 de marzo na Praza de Abastos, “mercado co que queremos animar ás ventas relacionadas con produtos relacionados coa Feira Medieval”.

Neste mercado o visitante atopará unha gran variedade de postos dedicados á venda de traxes medievais confeccionados a man para adultos e nenos, bixutería, complementos, un salón depeiteado e maquillaxe, ideas para a decoración de establecementos de hostalería… é dicir, todo o necesario para poder lucir o “máis medievo posible” nesta nova edición da Feira Medieval.

O alcalde concluíu a súa intervención destacando que “tal e como dicimos no vídeo, Monforte revive por 20ª ocasión o esplendor medieval do seu pasado, unha cita imprescindible en Galicia, á que agardamos que, como nas últimas edicións acudan miles de visitantes, e que contemos tamén coa colaboración e implicación dos nosos veciños, e da nosa hostalería e do noso comercio”.