Skip to main content
Chantada

A exposición ‘Entroido Mobiliario Vestido’ de Piquico xa pode visitarse en Chantada

Por 16 Marzo, 2024Abril 16th, 2024Sin comentarios

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata finais deste mes a exposición Entroido Mobiliario Vestido de Piquico, Ángel Manuel Rodríguez Romero, unha exposición de esculturas dos Entroidos de Galicia, que inclúe pezas do Entroido Ribeirao.

Diría o autor, licenciado en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid e profesor de instituto, que “as personaxes do Entroido non se disfrazan, vístense”; e así Piquico, conxuga o atávico da festa e a modernidade xogando cos personaxes do Entroido, elementos típicos e simbólicos como a mula, o oso… O resultado, esculturas vestidas de mobilirario, como mesas, armarios, botelleiros, cadeiras, espellos…

As obras son figurativas xeométricas, interesa a expresividade, a masa descuberta, a forma ou a anatomía. Con todo, o autor obtén pezas orgánicas que xogan co contraste da xeometría do mobiliario, con cores e texturas. Mobiliario vestido pretende mostrar a continuidade entre corpo, roupa e moble. Así descóbrese que esa lámpada de pé é un Volante de Chantada.

Piquico destaca os aspectos que complican a elaboración deste tipo de pezas: a interpretación de cada un dos personaxes reais do Entroido, incluír a funcionalidade como mobiliario que son, as obras son desmontables para o seu traslado, e as dintintas pezas son moi delicadas.

A exposición é unha homenaxe ao traballo con madeira para reflexar raíces, tradición e crenzas. “Un mundo imaxinario cheo de vida e de movemento”, como apunta, Carmen Quintero, doutora en Belas Artes.