Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXADeportes RIBEIRASACRAXAQuiroga

A II edición do Campamento Voleigalego celebrarase entre o 21 de xullo ao 4 de agosto en Quiroga

A Federación Galega de Voleibol, despois da gran acollida da primeira edición, ten o pracer de anunciar a que o Campamento Voleigalego celebrará este ano a súa segunda edición, novamente na localidade de Quiroga este verán de 2024.

Con esta convivencia, os deportistas e interesados no deporte terán unha nova oportunidade para vivir unha “experiencia inesquecible, mellorando as súas habilidades deportivas mentres desfrutan da beleza natural da rexión de Quiroga e fan amizade con outros asistentes”, explican os organizadores.

O campamento terá lugar en dúas quendas durante o verán, do 21 de xullo ao 4 de agosto, e está aberto a xogadores e xogadoras de 11 a 16 anos, de todos os niveis de experiencia.

Desenvolvemento do campamento

Ofreceranse adestramentos específicos e actividades relacionadas co voleibol para mellorar tanto as habilidades técnicas como as tácticas, físicas e sociais dos participantes.

Ademais dos adestramentos diarios, haberá competicións internas e actividades de lecer como sendeirismo e deportes acuáticos. O campamento desenvolverase nas instalacións do Concello de Quiroga e os participantes disporán de aloxamento e alimentación no albergue municipal.

As quendas serán do 21 de xullo, con entrada a partir das 18.00 horas, ata o 28 con saída antes das 12.00 horas da mañá; e do 24 de xullo, con entrada a partir das 18.00 horas, ata o 4 de agosto con saída antes das 12.00 horas da mañá.

As prazas para este campamento de voleibol son limitadas, polo que a Federación Galega de Voleibol recomenda a todos os interesados que se inscriban canto antes para garantir a súa participación gardando a preferencia de quenda por orde de inscrición.

As inscricións están abertas ata o 30 de xuño e poden realizarse mediante o formulario de rexistro, atendendo calquera dúbida no correo dtecnico@volei.gal e enviando o comprobante de pago e o formulario a esa dirección de contacto para completar o proceso de inscrición.