Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP acusa ao Goberno da Deputacion de deixar de lado a prevención de incendios forestais

Por 6 Marzo, 2024Sin comentarios

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, condena unha vez máis a “falta de cooperación do goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo cos concellos da provincia”. Nesta ocasión, o popular pon como exemplo “a negativa sistemática a asinar un convenio coa Xunta de Galicia en materia de prevención de incendios forestais na provincia, como o que vén de asinar a Deputación de Pontevedra sumándose á Deputación de Ourense que ten demostrado implicación na materia durante os últimos anos”.

Ameijide explica que “o presidente da Deputación, José Tomé, leva catro anos desatendendo esta proposta de colaboración por parte da Xunta de Galicia” que lle “ten dirixido cartas dende agosto do 2020 propoñéndolle asinar formalmente esta colaboración entre administracións”.

Hoxe, na época do ano na que é absolutamente fundamental desenvolver os traballos de prevención ao longo de todo o territorio, “queda demostrada de novo, a sensibilidade por parte das Deputacións gobernadas polo Partido Popular”; mentres que “PSOE e BNG se negan dun xeito reiterado a poñer a disposición dos Concellos da provincia medios materiais para a prevención e defensa contra os lumes e a desenvolver actuacións de prevención no ámbito agroforestal”, explica o popular.

Ademais, o convenio tamén podería recoller formación especializada para o uso de maquinaria de prevención por parte do persoal municipal, como é o caso do documento asinado entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Ameijide cre que na loita contra o lume “tódalas administracións deberían traballar dende a unidade por vontade propia. A Xunta de Galicia xa asume as súas competencias; pero as Deputacións provinciais non só teñen a obriga de cooperar cos Concellos máis pequenos en asuntos de competencia municipal -como é unha das súas principais funcións-; senón que a propia Lei 7/1985, do 2 de abril, de Bases de Réxime Local establece dentro das competencias propias das Deputacións provinciais os servizos de prevención e extinción de incendios nos concellos de menos de 20.000 habitantes -todos menos a capital- cando estes non procedan á súa prestación”. Polo tanto, para o popular “o goberno de José Tomé, PSOE e BNG, volve a incumprir as funcións que lles son propias deixando tirados aos Concellos”.

CONVENIOS A DEDO

O voceiro do PP incide en que “o goberno provincial non pode dicir que non ten recursos para dirixir á prevención e loita contra incendios forestais nos municipios da provincia cando reparte millóns en convenios cos Concellos gobernados polos seus amiguetes”. De feito, no 2023 PSOE e BNG aprobaron en xunta de goberno da Deputación de Lugo dirixir 15 millóns de euros a Concellos gobernados polo PSOE ou o BNG que “demostra claramente o seu sectarismo e trato discriminatorio aos Concellos por cores políticas”.