Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta publica a orde de axudas da PAC para a campaña do 2024

Por 10 Marzo, 2024Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde mediante a cal se convocan as axudas da Política Agraria Común do ano 2024. Estímase que esta convocatoria manteña no seu conxunto unha dotación de 200 millóns de euros -similar á dos últimos anos- para os 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiados de media cada ano.

Esta orde ten dúas vías de financiamento, sendo a principal as axudas de xestión extraorzamentaria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga) e que, debido aos cambios na xestión orzamentaria derivados da entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, aínda non poden ser cuantificadas. Polo tanto, as únicas partidas que teñen orzamentos concretos nesta orde son as vencelladas cos fondos FEADER, que supoñen un total de 44,17 millóns de euros, abranguendo 17,4 M€ para as liñas de Zonas con Limitacións Naturais e 26,7M€ para as agroambientais e produción ecolóxica -importes case idénticos aos do ano pasado-.

O orzamento anual restante para a nosa comunidade fixarase atendendo a unha distribución dos fondos nacionais entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos, estimándose para Galicia preto de 160 millóns de euros, o que completará un volume de axudas anuais semellante ao de anteriores convocatorias.

Este cambio na xestión dos orzamentos débese á xa mencionada entrada en vigor do PEPAC 2023-2027, que conserva os elementos esenciais da PAC anterior, pero pasa de ser unha política baseada na descrición dos requisitos que deben cumprir os beneficiarios finais das axudas a ser unha política orientada á consecución de resultados concretos. Así, esta convocatoria 2024 é exclusivamente para presentar solicitudes de pagamento da campaña no caso das axudas plurianuais de desenvolvemento rural, en base aos compromisos adquiridos en 2023.

1.611 millóns de euros en oito anos

No marco destas axudas, o Goberno autonómico destinou no período 2015-2022 un total de 1.611,3 millóns de euros a estas achegas, beneficiando de media cada ano a unhas 25.000 explotacións agrogandeiras da nosa comunidade cunha media de 200 millóns de euros anuais -170 millóns de euros de axudas directas, e outros 30 millóns de euros de desenvolvemento rural suxeitos ao Sistema Integrado de Xestión e Control-.