Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Os clubs e entidades deportivas contarán cun orzamento total de 600.000 euros da Deputación de Lugo

Por 10 Marzo, 2024Marzo 20th, 2024Sin comentarios

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases das subvencións de concorrencia para clubs e entidades deportivas na anualidade 2024, cun orzamento total de 600.000 euros.

As entidades poden optar a axudas para actividade competitiva, con axudas entre os 500 e os 5.000 euros, que os clubs poden destinar a gastos en material deportivo, equipacións, transporte, fichas, arbitraxe, persoal ou alugueiro de instalacións, entre outros, e para a organización de eventos, con axudas entre os 500 e os 2.000 euros, destinadas a financiar gastos derivados desas actividades.

Na concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valóranse criterios obxectivos vinculados ao rendemento deportivo (ascensos de categoría, resultados en campionatos estatais ou internacionais,..), a incidencia social do club (número de licenzas federativas e/ou equipos), o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, de acordo cos baremos establecidos nas bases da convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia.

Prímase, de forma trasversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. As entidades poden solicitar dende o próximo luns, 11 de marzo, estas axudas nun prazo de 10 días hábiles, ata o 22 de marzo.

O vicepresidente e deputado de Deportes Efrén Castro destacou que “se trata da principal liña de investimento da área de Deportes e da convocatoria de concorrencia competitiva con maior dotación orzamentaria das que se realizan desde a Deputación de Lugo, unha mostra do compromiso desta institución coa promoción do deporte”.

Destacou tamén “que se trata duns recursos fundamentais para o mantemento do tecido deportivo, especialmente dos clubs de base e amateur que facilitan o acceso ao deporte e promoven a actividade física en todo o territorio”. Na pasada anualidade as axudas chegaron a 330 clubs de todas as comarcas.