Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Entregan os diplomas aos 300 traballadores do Plan de formación da Deputación

Por 12 Marzo, 2024Sin comentarios

Foron 20 cursos centrados nos recursos humanos, transparencia e bo goberno, novas tecnoloxías, políticas de igualdade, procedementos xurídicos, atención ao cidadán, saúde laboral ou urbanismo e medio ambiente.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto aos deputados de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entregou este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os diplomas aos empregados e empregadas públicos da propia institución e de 39 concellos que completaron os cursos do Plan de Formación Continua 2023, no que participaron máis de 300 persoas.

A Deputación organizou 20 accións, con máis 760 diplomas expedidos, pois nalgún caso cada persoa realizou varias formacións. “Trátase de algo positivo a nivel individual, para a carreira profesional dos traballadores, pero tamén a nivel colectivo, porque coa mellora constante de coñecementos estamos contribuíndo a mellorar o funcionamento das administracións”, sinalou o Presidente.

José Tomé subliñou que esta nova edición do Plan Agrupado “foi un éxito, froito do compromiso entre esta institución e os profesionais que a compoñen”, ao tempo que asegurou que, dende un primeiro momento, mostrou a súa intención de “apostar pola formación continua e pola carreira profesional dos empregados públicos desta casa e dos concellos da provincia”.

“Apostar pola formación é apostar polos nosos profesionais. Un grupo humano guiado pola vocación de servizo público, polo bo facer e pola adecuación do seu desempeño ás novas demandas da sociedade”, explicou, ao tempo que asegurou que “debemos seguir mellorando a atención que as administracións públicas lle ofrecemos á cidadanía. É a nosa obriga, especialmente importante no ámbito da Administración local, a que está pegada ao día a día da xente e onde acude para resolver os seus problemas”.

O Plan Agrupado de Formación Continua 2023 incluíu accións centradas nos recursos humanos, transparencia e bo goberno, novas tecnoloxías, políticas de igualdade, procedementos xurídicos, atención ao cidadán, saúde laboral ou urbanismo e medio ambiente.