Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra critica a xestión e o proceso da candidatura a Patrimonio Mundial

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra critica a xestión e o proceso da candidatura a Patrimonio Mundial porque entende que só vale “se serve para mudar as políticas públicas no territorio, aqueixado de graves problemas estruturais”.

Así, din que a candidatura a Patrimonio Mundial “non pode ser un fin en si mesma, senón unha oportunidade para acadar unha meirande protección do Patrimonio e o desenvolvemento sostible desta zona. Non obstante, este tipo de distincións poden converterse en marcas territoriais que favorezan a especulación”, explican.

Desta maneira, sosteñen que as comarcas que conforman o BIC Ribeira Sacra Paisaxe Cultural sofren demotanasia, “un acusado despoboamento e envellecemento, falta de servizos públicos e carencia de infraestruturas básicas, así como unha falta de dinamismo económico que se reflicte en que na maioría do territorio o principal ingreso señan as pensións. Esto só se revirte cun cambio de políticas públicas e non apenas confiando en que o Turismo só consiga dinamizar a economía”, cren. “De feito, isto pode levar a que gran parte do territorio se convirta nun decorado despoboado con determinados enclaves turísticos”.

Aportacións da Federación

Ademais, din que a Ribeira Sacra ten valor patrimonial “se ten vida e se continúa a colleitar as viñas en pendente ou reactivar o sector primario en xeral”. O enfoque da nova candidatura da Ribeira Sacra ao redor das paisaxes da auga faise porque “hai poucas paisaxes culturais da auga inscritas na lista de Patrimonio Mundial (Douro, Rin…); é dicir, igual que na anterior candidatura, búscase algo que dea unidade a unha paisaxe que non é histórica só para optar á inclusión da zona na Lista de Patrimonio Mundial”.

Dende a Federación consideran que o esencial ao respecto da auga nos territorios “é frear a súa contaminación, eliminar plantacións que esquilman mananciais ou coidar en xeral os ríos e regatos, alén dos estudos científicos rigorosos sobre o patrimonio hidráulico de todas as épocas”, explican.

Para a Federación, a estratexia de participación “incíase tarde”, a un mes da data na que se reunirá o Consejo del Patrimonio Histórico, que é onde se decide que candidaturas presenta o Estado español á Lista do Patrimonio Mundial, para xustificar que se iniciou, pero “a tónica até agora foi a falta de socialización dos debates e os procesos pseudoparticipativos”.

Na xuntanza, a Federación achegou as súas propostas, entre elas, a necesidade dun centro de documentación e estudos do territorio que contrate a persoal investigador. “Seguiremos participando e achegando ideas, entendendo que o fundamental é que cambien estruturalmente as liñas de actuación na zona, mais apenas se toma nota sen que a participación teña por tanto entidade real”, critican.

Así, conclúen desde a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra que, “fronte o rutilante da denominación Patrimonio da Humanidade, o que importa é que haxa esa humanidade no territorio, que se está despoboando por falta de servizos e de políticas axeitadas para fixar poboación”.