Skip to main content
ChantadaRibas de SilSober

A Deputación de Lugo inaugura a tempada 2024 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra

Por 23 Marzo, 2024Marzo 24th, 2024Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu a viaxe inaugural da temporada 2024 das rutas fluviais da institución provincial pola Ribeira Sacra, que xa arranca con 12.000 reservas ata final de ano.

A ruta que marcou o inicio do funcionamento dos catamaráns, que se prolongará ata o mes de decembro, partiu do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e contou coa participación do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o deputado de Medio Ambiente, Carlos López; a primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada; o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos do Concello monfortino, José Luis Díaz; o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; e Manuel Feijoo, concelleiro da Teixeira.

O presidente subliñou as “moi boas expectativas” da nova edición do servizo turístico da Deputación: “Aínda non comezamos coas rutas e xa percibimos un gran interese por parte de grupos e familias, o que nos demostra que é un gran atractivo para esta comarca”.

José Tomé explicou que arrancan as viaxes ordinarias, cadrando co inicio da Semana Santa, unha época vacacional que se agarda “boa, moita xente está de vacacións e é un plan ideal para descubrir esta comarca dende unha óptica diferente”.

Posta en valor do servizo

Antes de comezar a viaxe inaugural en catamarán, detallou que “a evolución deste servizo turístico da Deputación nestes últimos anos é moi positiva. Dende que teño a honra de presidir esta institución, é dicir, dende o ano 2019, rexistráronse preto de 240.000 viaxeiros, e iso a pesar do impacto da pandemia. Todos os anos houbo servizo, pero, evidentemente, as restricións da Covid mermaron as visitas”.

Nese sentido, explicou que foi o ano pasado, no 2023, cando se conseguiu recuperar as cifras prepandemia, con máis de 60.000 viaxeiros, e neste ano 2024 “esperamos que a tendencia siga á alza e superemos ese dato, que xa é moi bo”.

O Presidente asegurou que a Deputación “reforza a aposta por esta oferta turística, pública e de calidade, á que destinamos cada ano un orzamento aproximado de 800.000 euros. Un orzamento que, para nós, non é un gasto, é un investimento, porque ten un retorno de primeiro nivel para esta comarca e para o conxunto da provincia de Lugo”.

Concretou que se trata dun “retorno económico de xeito directo, sobre todo para o turismo, a hostalería e o comercio, porque incentiva o consumo e as pernoctas; pero tamén un retorno en termos de promoción, máis a medio e longo prazo, pero cun impacto moi importante, porque a gran maioría das persoas que desfruta das viaxes en catamarán, ou ben volven á Ribeira Sacra, ou ben se converten en embaixadores, en prescritores, da gran riqueza patrimonial desta comarca e da provincia, o que anima a máis xente a vir”.

“As rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra son un dos piares da estratexia que impulsamos dende a Deputación para consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias, na natureza, para todo tipo de públicos, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, sobre todo no rural”, afirmou, ao tempo que argumentou que é unha estratexia asentada en moitas outras accións, tanto de maneira directa -como por exemplo, o programa de termalismo Lugo Termal ou o programa de viaxes gratuítas Coñece a túa Provincia-, como tamén en colaboración cos concellos e co tecido asociativo e produtivo, co que a Deputación mantén “unha relación constante e fluída para apoialos en todo o posible”.

O mandatario provincial incidiu en que este tipo de turismo “é unha vía de desenvolvemento eficaz para a provincia, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego e, polo tanto, para fixar poboación, e por iso é unha das liñas de actuación prioritarias do Goberno provincial”.

Reservas, datas e horas

Nesta nova temporada mantéñense os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e vai polo Miño.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil, funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas entre as 107 do catamarán Mencía e 52 do monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

Neste mes de marzo, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido dende mañá sábado ao domingo 31, en horario de mañá e de tarde. No mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o día 1, polo Día do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.

No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co Día de Todos os Santos.

No caso da ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes dende o día 9 ata o 13, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro. Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 1 ao 8 de decembro.