Skip to main content
Folgoso do CourelQuiroga

Uns teixos de Quiroga e Folgoso do Courel propóñense como Árbores Senlleiras

ADEGA vén de trasladar ao Comité das Árbores Senlleiras 12 propostas de nova inclusión para a protección doutras árbores e formacións senlleiras.

Trátase de exemplares superlativos que na maioría dos casos unen as súas excepcionais características dendrométricas ou rareza cun destacado valor etnográfico e patrimonial. Son monumentos vivos que cómpre coidar e preservar polo seu valor intrínseco mais tamén como patrimonio para as xeracións vindeiras.

A proposta está integrada por un ameneiro; unha araucaria; un bidueiro; a Carballeira de Brandeso; un carballo e un cerquiño; tres castiñeiros; un eucalipto robusto; e varios teixos en Vilarbacú, en Quiroga e Noceda, en Folgoso do Courel.

Todos estes exemplares son excepcionais, destacando pola súa idade, o seu porte, caso do eucalipto robusto ou tamén o teixo de Vilarbacú, o de maior circunferencia de Galiza.

Con estas propostas, dende ADEGA faise un chamado á necesidade de conservar este patrimonio, tan frecuentemente esquecido e maltratado, e cuxa conservación dá tamén unha medida do grao de civilización dunha sociedade.