Skip to main content
Folgoso do Courel

A Deputación de Lugo esixe á Xunta rematar as obras da LU-651 ao seu paso por Folgoso do Courel

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e rematar “canto antes” as obras de reconstrución da estrada autonómica LU-651, a principal estrada de Folgoso do Courel, derrubada hai xa dous anos, e tamén pide un plan de preservación e posta en valor do patrimonio das minas de antimonio de Santa Eufemia.

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, denunciou que “a lentitude e a falta de planificación da Xunta de Galicia” está demorando a solución dos problemas xerados polo afundimento en marzo de 2022 dunha parte desta estrada.

“O desinterese da Xunta foi evidente dende o primeiro momento, vistos os xenerosos prazos de execución que a daquela Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, se concedía a si mesma, mentres lle reclamaba axilidade a outras administracións para resolver cuestións de mobilidade moito máis complexas”.

García Porto incidiu en que os veciños e veciñas do Courel comprobaron que as intencións do Goberno galego ían máis alá de arranxar a estrada: “Non lles chegaba con manter á poboación illada, senón que querían aproveitar as obras da LU-651 para arrasar parte do patrimonio industrial, cultural e arqueolóxico da provincia, porque contemplan utilizar como escombreira da obra as antigas minas de antimonio de Santa Eufemia, que deixaron de estar en explotación a mediados do século XX”.

Indicou que a mina aínda ten galerías, fornos de cal ou vagonetas, “e posiblemente poboacións de morcegos, ademais dun alto valor xeolóxico ao estar nas estribacións do Xeoparque do Courel. O que acontece no Courel é un exemplo máis do desinterese da Xunta polo noso rural. Un rural ao que non lles importa deixar illado cando se afunde unha estrada, un rural que non coñece ou despreza, como vemos que queren facer ao situala como lugar no que depositar os cascallos da obra”, lamentou a deputada.