Skip to main content
Monforte

Preséntase o anteproxecto de renovación da piscina municipal, “froito de moitos meses de xestións”

O investimento millonario para a renovación total da piscina municipal vai ser de 2.047.009,42 euros.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer o anteproxecto de renovación da piscina municipal de Monforte, “unha obra de moita envergadura como é facer unha piscina practicamente nova, deixando solo parte da estrutura”. Unha piscina que terá unha imaxe semellante ao novo pavillón polideportivo de A Pinguela, para manter a harmonía do entorno.

Ademais, anunciou que “temos en proxecto arranxar as pistas de tenis e dotar de iluminación dos estacionamentos desta zona. Esa parte da cidade mellorou moitísimo a súa calidade residencial, pero isto ímolo completar co arranxo integral da piscina municipal, que igual que ocorreu co pavillón imos facer unha piscina practicamente nova”.

Este anteproxecto “é froito de moitos meses de xestións para conseguir a financiación necesaria para acometer unha obra desta envergadura e van supoñer un cambio absoluto das instalacións”, cambiando practicamente todo: a entrada, a cafetería, o ximnasio, os vestiarios ou os propios accesos interiores á piscina. Todo elo cunha nova imaxe externa e interna, facendo das novas instalacións unha dotación realmente bonita.

Este anteproxecto de reforma integral da piscina municipal de A Pinguela, “é unha actuación moi necesaria na que levamos a traballar dende fai moito tempo”, e que vai a dar servicio tanto ós clubs de natación do municipio, coma ós 1.883 usuarios habituais (1396 abonados e 487 participantes en cursos de natación) cos que actualmente conta esta piscina, “que é o número máis alto de abonados que tivo a piscina ata agora. Logo da reforma os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.

Investimento millonario para a nova piscina municipal

O investimento millonario para a renovación total da piscina municipal vai ser de 2.047.009,42 euros e, dentro do orzamento, as partidas que supoñen unha maior inversión son as destinadas á climatización (358.567,44 euros), revestimentos exteriores (163.224,53 euros), electricidade, iluminación e telecomunicacións (113.335,75 euros) e albanelaría (107.017,38 euros).

O Consello Superior de Deportes concedeu unha subvención de 644.882,94 euros, o que representa o 31,5 % do investimento e a Deputación Provincial de Lugo tamén vai aportar, a través dun convenio co Concello, 600.000 euros en 2 anualidades, o que supón o 29,3 %; así, o Concello, pola súa parte, vai aportar 802.126,48 euros, o que representa o 39,2 %.

Neste senso, José Tomé subliñou que “froito da colaboración destas tres administracións, Estado, Deputación e Concello, podemos acometer a mellora da piscina porque a Xunta de Galicia, nin está, nin se lle espera, porque o Secretario Xeral para o Deporte nos dixo que non podía colaborar. Pero facémola igual, porque somos capaces de xestionar sen eles”.

Da mesma forma, o rexedor informou de que a licitación anunciarase ó longo da primavera, “onde faremos o mesmo que no pavillón, contratando proxecto e obra no mesmo procedemento”. As obras comezarán a finais de setembro ou principios de outubro, e teñen que estar rematadas en setembro de 2025 “porque é o prazo que temos para xustificar as 2 subvencións, a do Consello de Superior de Deportes e a da Deputación Provincial de Lugo”.

As actuacións de mellora

“Co proxecto que presentamos queremos crear unha nova imaxe atractiva e moderna para a piscina municipal, e en consonancia co Pavillón polideportivo anexo, creando sinerxias entre eles para acadar un conxunto de referencia na provincia” destacou o alcalde de Monforte.

As actuacións interiores irán destinadas a devolver a funcionalidade ás instalacións e a amplialas, para dar servizo á crecente demanda por parte dos usuarios. A zona do vaso de piscina manterase como está actualmente, ó atoparse, segundo os informes técnicos, en bo estado, pero realizarase unha intervención neste espazo para incorporar cunha nova zona de SPA, con sauna e jacuzzi, que completará a oferta lúdica e deportiva da piscina.

O groso da intervención de mellora céntrase nos espazos que dan servizo á propia piscina. A entrada desprázase cara á esquina onde confluirá co Pavillón polideportivo, para crear unha zona de acceso común. Este cambio mellorará notablemente a funcionalidade da instalación ao posibilitar ter o control de acceso previo para ambas infraestruturas.

Os vestiarios centralizaranse e renovaranse, simplificando percorridos e facendo fincapé na separación entre zonas de “pés secos” e “pés húmidos”, de forma que os usuarios da piscina e os do ximnasio ou salas de actividades conflúan neste punto, pero sen mesturarse, o que derivará nunha mellora das condicións hixiénicas e sanitarias.

O ximnasio desprazarase á zona sur, ampliando a súa superficie e mellorando a súa funcionalidade. Na planta baixa situarase a recepción e tras esta, dous vestiarios para grupos e un vestiario de persoal, ademais dun despacho para administración.

Completando o conxunto, crearase un núcleo de aseos para o público, e unha cafetería que dará servizo tanto á Piscina como ao Pavillón polideportivo, con vistas directas aos vasos, e saída directa ás bancadas reformadas.

Exteriormente, o edificio será revestido cunha “nova pel”, cun zócalo pétreo que alcanzará a altura das ventás. Esta nova fachada caracterizarase polas súas formas redondeadas, que actualizarán a imaxe do edificio en consonancia coa estética do Pavillón polideportivo que o Concello reformou en 2023. E esta nova fachada contribuirá de xeito decisivo a mellorar as condicións de illamento térmico do edificio.

A superficie total de actuación é de 2.006,12 metros cadrados , e cunha superficie útil resultante de 1.792,46 metros cadrados.

José Tomé destacou que “ó igual que no caso do novo Pavillón polideportivo, estou seguro de que o resultado tras esta reforma da Piscina municipal, será o de obter unhas instalacións de imaxe atractiva e contemporánea pero tamén cómodas, con todos os servizos á disposición dos veciños, veciñas e deportistas que seguro a converterán, xunto co pavillón, nun conxunto de referencia na provincia de Lugo e en Galicia”.

Melloras en eficiencia enerxética e sostibilidade

A mellora enerxética baséase na modificación da instalación térmica, unificando as producións de calor nun mesmo depósito de inercia de baixa temperatura, que permita aproveitar no mellor rendemento cada un dos sistemas. A instalación dunha nova fachada e cuberta, permitirá acadar o illamento térmico necesario para optimizar a eficiencia enerxética do edificio.

Polo tanto, coa mellora da envolvente térmica do edificio e a substitución das actuais bombas de calor xeotérmicas por outras de última xeración reducirase drasticamente o consumo enerxético e as emisións de CO2 do conxunto para o seu funcionamento e confort térmico.

Ademais, esta “nova pel” cohesionará os diferentes volumes existentes no complexo deportivo da Pinguela, integrando a piscina no conxunto mediante unha unidade estética común.

Na Piscina, tamén será fundamental a xestión da auga e a súa reutilización. Para aquela que proceda das duchas e dos lavabos, cun baixo nivel de contaminación, rexenerarase con tratamento físico-biolóxico, para poder reutilizarse nas cisternas dos baños.

Melloras en accesibilidade e dixitalización

A reorganización de espazos que se realizará no conxunto do edificio, reordenando a zona de acceso, facendo máis eficientes os percorridos, eliminando as escaleiras que había para subir á cafetería e ampliando os espazos en xeral, fará que se consiga dotar ó edificio dun itinerario accesible ata cada unha das estancias, permitindo a autonomía de calquera persoa que acceda ó mesmo.

Crearase en cada un dos vestiarios, un vestiario accesible e a zona de cafetería tamén contará cun aseo accesible, así como acceso e zona reservada na bancada da área de piscina.

Completaranse estas actuacións coa instalación dun portillo no control de accesos, así como unha mellora na sinalización, co obxectivo de favorecer unha lectura fácil para adecuar o acceso á información a todos os posibles usuarios desta instalación.

As melloras que se implantarán no referido a dixitalización e incorporación de novas tecnoloxías, “suporán un antes e un despois no sistema de xestión e dos servizos ofertados ós usuarios”.

Fundamentalmente, serán 3 as actuacións que se acometerán na mellora da dixitalización da piscina:

  • Un sistema de monitorización da actividade coa instalación de NAGI, que é un sistema de xeolocalización precisa en tempo real, permitirá monitorizar a actividade e seguridade dos usuarios na piscina durante a súa práctica deportiva no vaso principal, co obxectivo de evitar calquera tipo de incidente ou afogamento. Este sistema tamén axudará a controlar os aforos, o cal permitirá adecuar todas as actividades e programas deportivos á lexislación vixente en materia de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos ou sanitarias. A implantación desta nova ferramenta dixital monitorizará todas as métricas e datos básicos da actividade dos nadadores, o cal contribuirá a que melloren a súa práctica e rendemento deportivo, tanto os deportistas que forman parte dos programas de tecnificación e dos clubs, como dos propios usuarios que utilizan a piscina para mellorar a súa condición física e saúde.
  • Sistema integrado de xestión de edificios, un sistema similar ao instalado no Pavillón polideportivo, co que se xestionará e supervisará dende un ordenador todos os sistemas do edificio, como o sistema eléctrico, o sistema de climatización, a produción de enerxía renovable, os contadores de gas e electricidade, o control de accesos, a videovixilancia ou protección contra incendios, entre outros.
  • Sistema de xestión e control de accesos mediante tornos, a mellor opción para o control de accesos, porque permitirá o acceso autónomo ós usuarios mediante lectores ópticos ó recinto, evitando que accedan persoas alleas á instalación e mantendo un control sempre de usuarios dentro do recinto.