Skip to main content
A Pobra do Brollón

Autorizada a cesión do contrato de construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón

Por 16 Marzo, 2024Marzo 17th, 2024Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de autorizar a cesión do contrato de construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón á empresa Construcciones Castro Figueiró SLU por un importe de case 2,2 millóns de euros, tal como comunicou Pilar García Porto.

A deputada lembrou que esta nova empresa adxudicataria estará en disposición de iniciar as obras na segunda quincena do mes de abril e con este procedemento, a institución provincial consigue acurtar moito os tempos, pois os traballos poden comezar sen necesidade dunha nova licitación.

Agora, a nova adxudicataria, unha vez recibida a comunicación do acordo da Xunta de Goberno, terá un prazo de 10 días hábiles para presentar a documentación correspondente e, tras asinarse a acta de replanteo, as obras poderán comezar na segunda quincena de abril.

Resposta dos populares

Desde o PP din que “agardamos que á quinta licitación sexa a definitiva para que os veciños da Pobra do Brollón teñan a tan ansiada residencia de maiores”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide.

Ameijide tamén se amosa cauto e advirte a Tomé que “nin nós nin ningún veciño da Pobra do Brollón se fía das palabras deste goberno provincial tras tantas promesas incumpridas. Pese a todo, agardamos que desta vez si que vaia a vencida e a residencia da Pobra do Brollón sexa unha realidade no menor prazo de tempo posible”, sinala.

O voceiro provincial popular recorda que a xestión do goberno provincial en relación á construción da rede de residencias da Deputación de Lugo é un despropósito, “por moito que traten de presumir. A realidade é que o goberno provincial foi de fracaso en fracaso no referente á construción da residencia de Pobra do Brollón”, subliña.

O contrato, da cuarta licitación, para a construción desta residencia resolveuse mes e medio despois de ser formalizado, o 17 de outubro, trala súa adxudicación na xunta de goberno do 29 de setembro. Agora, apróbase a cesión do contrato dunha empresa a outra. “Hai unha falta total deseriedade por parte de José Tomé, pero, sobre todo, unha total falta de respecto aos veciños e veciñas da Pobra do Brollón”, asegura.