Skip to main content
Quiroga

A VII edición dos Cantos de Taberna de Quiroga contará con máis grupos ca nunca

Once grupos participarán este sábado na VII edición dos Cantos de Taberna, cuxa edición conta con máis grupos participantes de todas as realizadas, que contará ademais cun remate de festa na praza da rúa Lago cos regueifeiros Luís “O Caruncho” e Bieito Lobariñas”.

Os grupos inscritos veñen dende diversos puntos da provincia de Lugo e da de Ourense: Foliada de Bosende (Bosende), Son do Mao (Bóveda), O recanto (Quiroga), Estoupafoles (Pobra de Brollón), Corenta e Chinco (Pobra de Brollón), Minestrales, Abertal da Rúa (A Rúa), Macizas Centrais (Trives), Eí os veñen (Ourense), Os Tarabelos (O Saviñao) e Nubeiro Son Galego (Lugo).

Unha das novidades que se puxo en marcha o pasado ano e que se mantén este é que se entregarán 150 euros a cada grupo participante para que gaste nos establecementos aos que acoda, e os establecementos participantes pola súa banda comprométense a ter a disposición dos grupos tapas ou pinchos.

Está previsto que antes do comezo se reúnan os grupos para darlles o itinerario do recorrido, a actuación en cada establecemento roldará a media hora e rematarase pasada a media noite cunha gran foliada que abrirá o grupo Regueifeiros.