Skip to main content
Quiroga

O 8M acolleu centos de persoas que desfrutaron das actividades promovidas polo CIM de Quiroga

Por 10 Marzo, 2024Marzo 11th, 2024Sin comentarios

Os actos organizados polo Centro de Información á Muller, coincidindo co Día Internacional da Muller en Quiroga, promoveu un abarrotado salón de actos da Casa da Cultura no que a concelleira de Igualdade, Maite Pérez, puxo en valor a conmemoración deste día e da loita que as mulleres veñen mantendo pola igualdade de condicións en todos os aspectos.

Tras as palabras da concelleira, proxectouse un vídeo realizado pola Televisión Municipal de Quiroga sobre unha idea do CIM para render homenaxe a todas as mulleres, “Quiroga é Muller”.

Con centos de fotografías de mulleres que viviron ou viven na comarca quíxose agradecer a todas elas o que aportaron, aportan e aportarán para que as mulleres das xeracións vindeiras sexan fortes, profesionais, loitadoras, como levan sendo dende que chegaron as primeiras quiroguesas a romper estereotipos acudindo a universidade, facéndose empresarias ou loitando polos seus poñéndose ao fronte das familias.

A emoción da proxección daría lugar a confraternidade cando preto dun cento de mulleres se xuntaron para gozar dunha cea, unha xuntanza para falar, para contar, para recordar… pero sobre todo para deixar atrás as preocupacións do día a día por unha noite.

E para rematar a conmemoración deste día, a diversión. Un animado concerto do grupo Gin Tonic´s dedicado a todas as mulleres. Coas versións das mellores cancións dos oitenta este animado grupo fixo cantar e bailar a todas as asistentes que facendo uso da súa fortaleza conquistaron a improvisada pista de baile. Un broche de ouro para o Día da Muller.