Skip to main content
Quiroga

O Val de Quiroga de Tapas desenvolverase entre o 18 e o 26 de marzo

Por 13 Marzo, 2024Marzo 26th, 2024Sin comentarios

O vindeiro luns 18 de marzo comeza o concurso de tapas de Quiroga, que este ano vén con novidades, xa que pasa de chamarse Quiroga de Tapas a Val de Quiroga de Tapas pola incorporación de novos establecementos do Concello de Ribas de Sil.

A outra das novidades é o prezo, xa que a tapa pasa a costar agora 2 euros, incrementándose en 50 céntimos con respecto a edicións anteriores. Dende a concellaría de Xuventude, organizadora do evento, xustifícase este incremento porque así o pedían os establecementos participantes para ter máis marxe para presentar ao concurso tapas de máis calidade.

Así, nesta edición son dez os establecementos participantes, sete de Quiroga e tres de San Clodio, que terán tapas ata o vindeiro 26 de marzo e a tapa que cada establecemento presenta a concurso deberá estar a disposición do público consumidor entre as 12.00 e as 14.30 e as 19.00 e as 22.30 horas.

Gañadores do concurso

Os propios consumidores serán quen decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora e para elo terán que cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa concursante. Unha vez cuberto, votarán á que ao seu xuízo merece ser a gañadora do concurso.

O establecemento gañador recibirá unha placa conmemorativa e 100 euros en metálico, e os participantes que completen a degustación das tapas e voten á tapa que máis lles gustou entrarán nun sorteo no que poden gañar diferentes premios.

O sorteo dos premios e a tapa gañadora saberase a semana seguinte á Semana Santa, cando se abran as urnas e se faga o reconto de votos, dun concurso que nesta edición busca máis participación e movemento entre os dous concellos.