Skip to main content
Sober

Os traballos en Proendos consolidaron as estruturas para permitir a súa posta en uso público e visita

Por 4 Marzo, 2024Marzo 5th, 2024Sin comentarios

O arqueólogo Francisco Alonso Toucido presentou os resultados dos últimos traballos no xacemento romano de Proendos, xa que a prospección xeofísica mediante xeoradar financiada pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Sober vén de rematar, traballando nunha contorna aproximada de 15000 metros cadrados.

Os traballos dan continuidade ás actuacións impulsadas neste espazo os últimos anos e que xa sacaron á luz restos romanos do século I ao V e o primeiro hórreo romano de muros paralelos do noroeste peninsular.

Nesta ocasión, os profesionais da empresa Tempos Arqueólogos SL realizaron unha prospección de 1,5 hectáreas en zonas non prospectadas con anterioridade. Os traballos buscan localizar a villa romana dende a cal se xestionaría o gran hórreo de Proendos. Este celeiro formaría parte dun complexo agrario romano, dende onde se administrarían as terras da contorna, organizaríase a produción, almacenaríase e posteriormente redistribuirase por canles comerciais.

Os resultados da prospección foron moi positivos, localizándose na maioría das zonas prospectadas, restos arqueolóxicos, destacando unha estrutura rectangular con estancias asociadas a un patio, que podería tratarse dun perístilo, o espazo residencial dunha vila romana. Por outro lado, numerosas estruturas de difícil interpretación complementan o conxunto, podendo tratarse de edificacións vinculadas á pars rústica e frutuaria dunha vila, é dicir, as zonas de traballo onde se almacenaría e se xestionarían os produtos agrícolas xerados na explotación.

Noutras partes do xacemento existen os denominados musarellos, grandes acumulacións de pedra retirada polos veciños nas súas veigas ao longo de centos de anos, os cales son indicadores da presenza de estruturas no subsolo, e a prospección estase a realizar na contorna de varios destes musarellos.

A través das escavacións deste ano puidéronse coñecer as características do horreum, que presenta unhas dimensións considerables, de 5,70 x 7,70 metros, e un área de 44,50 metros cadrados. Identificouse un conxunto de lousas que bloquean as rúas de ventilación do hórreo e que poderían indicar o seu uso en diferentes momentos, posteriores ao século I d.C.

A maiores do propio graneiro, localizáronse ata 9 muros de estruturas indeterminadas e que continúan máis aló dos límites da escavación, aportando unha singular riqueza arqueolóxica ao conxunto de Proendos.

Obxectivo e desenvolvemento dos traballos

Os traballos de escavación e posta en valor consistiron na consolidación das estruturas para permitir a súa posta en uso público e visita por parte da poboación local e visitantes.

Seguindo os criterios de conservación e preservación propios da xestión do patrimonio cultural, incorporouse unha fiada de pedra no coroamento dos muros, marcada por lousas de pizarra, diferenciando a mesma das fases orixinais.

Ademais, incorporouse un morteiro de cal e area nese coroamento, recorrendo ás técnicas tradicionais empregadas na época romana e incorporouse unha capa de áridos por toda a área escavada para garantir un doado mantemento e interpretación das estruturas.

Os traballos rematarán proximamente coa actualización do panel explicativo do conxunto.