Skip to main content
Sober

Sober acollerá unha xornada para impulsar a candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O sábado 9 de marzo celebrarase unha xornada para lanzar a estratexia de participación veciñal na candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, unha actividade para retomar contacto cos axentes locais e que será seguida dunha serie de actividades nos vindeiros meses.

O evento terá lugar na Casa Grande de Rosende, en Sober e comezará ás 12.00 horas cunha introdución a cargo de Mario Crecente e Cipriano Marín sobre o estado actual e futuro da candidatura. Deseguido, darase a coñecer a estratexia de participación da man do seu coordinador, Xosé Gago.

Ao longo da xornada haberá dúas sesións participativas, que terán como obxectivo tanto informar ás persoas e colectivos presentes, como recoller as primeiras opinións e suxestións con respecto á candidatura. A primeira sesión será de 13.00 a 14.30 horas e a segunda, de 16.00 a 19.00 horas.

A xornada rematará cunha parte máis lúdica e distendida co obxectivo de promover o contacto dos participantes e a creación de lazos ás 19.00 horas, cunha visita guiada á Casa Grande, un fermoso pazo cuxa historia remóntase a inicios do século XVI. E, tras a visita, a partir das 19.30 horas, haberá un concerto a cargo de Lideira, trío de música tradicional con fusión de sons contemporáneos, seguido de foliada. Ademais, ofrecerase un caldo popular, para o que se anima aos asistentes a levar a súa propia cunca e culler.

Esta iniciativa está aberta a asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes; axentes culturais, económicos e sociais; así como a veciñas e veciños en xeral do ámbito da Ribeira Sacra que teñan interese en participar no proceso da candidatura.

A participación é libre, aínda que dende a organización agradecen a inscrición, que se pode realizar vía WhatsApp no teléfono 641 957 526 ou por correo electrónico no enderezo participaribeirasacra@gmail.com.

O evento está organizado no marco da candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial e conta co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.