Skip to main content
Sober

Segredos de Pantón organiza unha andaina pola parroquia de Pinol en Sober

A Asociación Cultural Segredos de Pantón organiza unha andaina o vindeiro 29 de marzo pola parroquia de Pinol, no Concello de Sober.

Ademais da paisaxe natural da zona, as persoas participantes visitarán uns enclaves importantes da Ribeira do Sil. Por unha parte, os petróglifos da Pena do Lagarto, no camiño entre as parroquias de Pinol e Santiorxo; e, por outro, a Igrexa de San Vicente de Pinol, un exemplo de románico do século XII.

Ademais, continuando camiño arriba, contemplarán o Santuario de Cadeiras, construído no século XVIII, lugar de peregrinación polos milagres atribuídos a Virxe de Cadeiras. No mesmo lugar, desfrutarán das vistas aos canóns do Sil dende o mirador.

O custo é de dous euros por persoa e haberá 30 prazas para as persoas interesadas, que farán un percorrido de seis km desde o Campo de Pinol ás 10.00 horas, con remate ás 13.00 horas.