Skip to main content
Taboada

Taboada acolle varias actividades para homenaxear as mulleres no 8M

O Concello de Taboada celebra o Día Internacional da Muller, “que conmemora cada ano a loita das mulleres pola súa participación na sociedade e o desenvolvemento íntegro como persoa en pé de igualdade co home”, explican desde o Goberno local.

Así, promoven dous eventos; un o propio 8M ás 21.00 horas no auditorio do Cuartel Vello a través da proxección de Nosoutras, presentado e interpretado por Isabel Garrido como un espazo no que achegarse desde o humor, a curiosidade e a admiración a aquelas referentes da  cultura que non aparecen moitas veces no imaxinario colectivo polo feito de ser mulleres.

Esta é unha serie guionizada e codirixida pola taboadesa Amara Fontao, quen explica que é unha serie de ficción e documental “para achegar e divulgar a figura de mulleres artistas do século XX pero cunha visión desde o humor e a curiosidade”. No coloquio posterior, xunto coa actriz, falarán do papel da muller no mundo da cultura.

Por outra parte, o sábado 9, ás 19.30 horas no mesmo local Marián Bañobre e Isabel Risco, artistas multidisciplinares, sempre na vangarda do diseño e das últimas tendencias, presentan a súa última creación, O Furancho, que trata de dúas iconas femininas con fonte de inspiración “para todas esas loitadoras que poñen o mundo patas arriba para lograr que os seus soños se fagan realidade”, sosteñen.

Estas actividades, ademais, súmanse á proposta pola Asociación de Mulleres Landra de Taboada, que organizan un coloquio sobre feminismo e o ámbito rural para este xoves, 7 de marzo.