Skip to main content
Taboada

A Asociación O Carballo organiza a III xornada de recollida de lixo en Taboada o vindeiro 17 de marzo

Por 11 Marzo, 2024Marzo 26th, 2024Sin comentarios

A Asociación Cultural e Deportiva O Carballo organiza, xunto coa Asociación Cultural e Veciñal Vilar-Friamonde-Mourulle, a III xornada de recollida de lixo que se suma á iniciativa ‘Proxecto Libera’, que busca concienciar sobre a problemática da contaminación en xeral e dos vertedoiros incontrolados en particular.

Nesta edición, o punto de partida será a contorna da Ponte Mourulle, unha das paraxes máis senlleiras do municipio, contando coa participación da asociación veciñal das Insuas, que leva varios anos en activo nestas parroquias taboadesas.

Trátase dunha actividade que a Asociación O Carballo pretende consolidar, logo de que o ano pasado, a modo de anécdota, estivera a directora xeral de Medio Ambiente e o Xerente de Ecoembes, interesada pola posta en marcha desta iniciativa nun concello rural e desde un colectivo.

O obxectivo fundamental é concienciar sobre a contaminación e os problemas de xestión dos residuos que lle afectan ao medio ambiente e á paisaxe, sendo un asunto de grande preocupación para o noso colectivo.

Por iso, desde a asociación animan a todas as persoas interesadas a participar nesta recollida, que terá lugar o próximo domingo, 17 de marzo, ás 10.00 horas desde a Ponte Mourulle de Taboada.