Skip to main content
Taboada

Taboada acolle a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes’ ata o vindeiro 17 de abril

O Concello de Taboada, ABANCA e Afundación presentaron a exposición Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX no Salón de Actos da Casa da Cultura, que contou coa asistencia do alcalde do Concello de Taboada, Roi Rigueira; o concelleiro de Cultura do Concello de Taboada, Manuel Diéguez; a directora da oficina de ABANCA en Taboada, Graciela Armesto; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

A exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro 17 de abril, de luns a venres en horario de 9.00 a 20.00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 10.00 a 15.00 horas, consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE.

O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época.

É a historia de “millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir”, en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004. Esta colaboración é parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.

Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.