Skip to main content
Taboada

O BNG de Taboada súmase á campaña de oposición ao proxecto da empresa Altri

O BNG de Taboada posiciónase en contra do proxecto da empresa portuguesa Altri para poñer en marcha unha celulosa na comarca da Ulloa. Así, din que “unha vez coñecido o proxecto, ben diferente do anunciado hai dous anos, manifestamos que estamos a favor de iniciativas industriais na nosa provincia, pero que non interfiran nos sectores produtivos xa existentes nin hipotequen a calidade de vida da nosa veciñanza”.

Así, defenden que “unha celulosa como a que Altri quere pór en marcha non nos compensa no longo prazo polas súas consecuencias no medio ambiente, especialmente no río Ulla, pero tamén nunha ampla zona recoñecida como Reserva da Biosfera onde Taboada está incluída, e na saúde das persoas, podendo agravar patoloxías respiratorias ou liberando partículas potencialmente canceríxenas”.

Consideran que é “unha irresponsabilidade” implantar unha empresa que consuma “tanta auga ela soa como toda a provincia de Lugo, tendo en conta que cada verán o noso concello e os da nosa contorna teñen problema de seca, e isto é algo que irá a máis de aquí en diante polo cambio climático”, explican.

Por iso, din que queren unha industria sustentable e que se complemente cos sectores xa existentes, “e o proxecto de Altri supón máis do mesmo: pagar caras as consecuencias ambientais para vender un produto barato, mentres a maior parte dos beneficios van para fóra”.

Máis razóns para non apoiar a Altri

Ademais, parécelles “desproporcionado que a compañía solicite 250 millóns de euros dos fondos europeos para poñerse a funcionar” e cren que a instalación de Altri suporá “meter unha marcha máis no proceso de expansión do eucalipto en todo o país, especialmente na nosa comarca, afectando ás explotacións agrogandeiras que están funcionando, que disporán de menos superficie agraria, e intensificará o abandono e despoboamento do medio rural”.

Por outra banda, temen que se poñan en perigo innumerables bens culturais e naturais, e que afecte tamén ao turismo, como o derivado do Camiño de Santiago ou da Ribeira Sacra, “pois a celulosa pode supor unha ameaza directa a todo isto”.

Así, lembran que hai dous anos díxose que Altri sería unha fábrica de fibras téxtiles e crearía 2.000 empregos, pero “hoxe xa se anuncia unha macrocelulosa que empregará só un 10 % do persoal anunciado daquela. Con esta falta de seriedade, que podemos esperar das promesas que a Xunta, o Partido Popular e Altri están facendo?”.

Por todo isto, desde o BNG de Taboada súmanse á campaña de oposición a esta macrocelulosa, que xa conta co apoio de asociacións, plataformas, institucións e Concellos. Levarán así unha moción ao Pleno do Concello de Taboada “para que se tome un posicionamento e medidas concretas contra este proxecto”.

En definitiva, conclúen, “seguimos apostando por un medio rural vivo e por unha industria de calidade e sustentable, que se centre no longo prazo e non só nos beneficios inmediatos dunha compañía estranxeira. Por iso, pedimos responsabilidade e sentidiño ás administracións para evitar que a macrocelulosa proxectada por Altri se converta nunha hipoteca para as comarcas do centro de Galicia”.