Skip to main content
Sarria

Ábrese a circulación na rúa Calexa a pesar de non estar construído o muro de seguridade

Por 28 Marzo, 2024Marzo 29th, 2024Sin comentarios

O estado da rúa Calexa foi unha constante nas preguntas dos concelleiros populares ao Goberno local, que mantiña a rúa pechada desde abril do ano pasado por mor da demolición do edificio de sete alturas que levaba desde hai 15 anos parado por afectar ao Camiño de Santiago.

Porén, desde había meses que a demolición rematara sen que os seus veciños puideran transitar por unha rúa, aparentemente en bo estado e cun edificio que xa non existe. Por iso os populares insistían en preguntar por que non abría.

Agora, por fin, a rúa quedou aberta ao tráfico este pasado martes, 26 de marzo, despois de que Féliz Seijas, concelleiro de Seguridade Cidadá, supervisara o estado da vía coa Policía.

As razóns que motivaron o mantemento da rúa pechada son, segundo o Goberno local, “por seguridade” e á espera de que a empresa que realizou a demolición fixese un muro para separar o soar que quedaba da calzada, porque este podería provocar un risco debido á inclinación do terreo.

Con todo, a construción do muro foise retrasando e a día de hoxe non está feito, o que non impediu que Camiña Sarria atendera ás súplicas da oposición e dos veciños e reabrira a rúa, non sen antes colocar un valado provisional de seguridade, aconsellado pola propia Policía Local.

Por iso, o concelleiro fixo un chamamento a peóns e condutores para que transiten con coidado pola rúa Calexa facendo mención ao soar, pero tamén ás irregularidades que presenta a estrada, que volverá ser cortada cando a empresa execute o muro.