Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Conchi, da Asociación de Palilleiras: “Palillear é como unha terapia, é marabilloso para entreter e para a mente”

Por 10 Marzo, 2024Marzo 11th, 2024Sin comentarios
Por Jessica Fernández.

Falamos con Conchi, da Asociación de Palilleiras Camiño de Santiago de Sarria que organiza o vindeiro 16 de marzo a Xuntanza de Palilleiras e Labores Artesanais Vila de Sarria.

Como e cando nace a asociación?

A asociación formouse no ano 2003 porque por aquel entón había algunhas mulleres ás que lles gustaba facer encaixe de palillos, pero non había onde ir facelo xuntas, polo que decidiron formar a asociación. Ao principio había 32 palilleiras e agora somos menos, 17, porque se vai perdendo. A xente nova ten que traballar e é complicado. Durante a vida desta asociación tivemos nenos, pero cando empezan o instituto teñen que deixalo porque leva moito tempo. Tamén houbo persoas de arredor da comarca, de Samos e do Incio, pero agora son vellas e non veñen ata aquí.

Con que obxectivo e motivación xorde?

O obxectivo era darnos a coñecer e mostrar os traballos que se fan. Antes non había xuntanzas e formacións de persoas que fixeran encaixe de palillos, entón nacemos nós na contorna para facer isto, porque eramos as únicas.

Nas nosas reunións, que son todos os xoves de 17.00 a 20.00 horas, facemos encaixe de sabas, puntillas de toallas, tapetes de todo tipo, chales, encaixe de vestidos e camisas, bolsos de voda e de día a día, xoias, pendentes, broches, pulseiras… facemos de todo, encaixe para vestidos e camisas, bolsos que teñen un éxito de voda e de todos os días. Todos os xoves xuntámonos de 5 a 8. Non vendemos nada, todo o que facemos é para nós, para agasallar a alguén ou para facer exposicións en vitrinas e taboleiros.

Que actividades fan desde a asociación?

Ademais das reunións semanais, facendo exposicións de vez en cando no vello cárcere de Sarria e tamén durante a Feira dos Anticuarios da vila. Ademais, ás veces, organizamos cursos, por exemplo un que fixemos de cestería ou outro de costura, porque cremos que interesa á xente. Organizamos cousas que van xurdindo porque estamos abertas a todo. E logo está a Xuntanza de Palilleiras e Labores Artesanais Vila de Sarria.

Como xurdiu promover a Xuntanza de Palilleiras e Labores Artesanais Vila de Sarria?

Como non había na contorna ningunha xuntanza deste tipo e apetecíanos que viñera xente a Sarria, que é moi coñecida e á xente encántalle vir, pensamos que podiamos facer unha xuntanza en Sarria de palilleiras e empezamos a organizar.

Deu moito traballo cando comezamos en 2011, e agora fomos incorporando cousas novas, pero coa axuda do Concello podemos afrontalo, xa que se non era imposible. Cedeunos o pavillón, que ao principio se celebraba no do Chanto e agora este ano imos facelo no dos institutos; tamén nos ceden as mesas, os taboleiros, unha persoa que coide do pavillón para vixiar, e tamén organizan unha actuación de música rexional para amenizar.

Ademais, tanto o Concello, como os comercios de Sarria como a Deputación de Lugo nos cede agasallos para sortear durante o desenvolvemento do evento.

Este ano comeza todo o 16 de marzo a partir das 10.00 horas coa recepción e a presentación, protagonizada por alguén do Concello para dar a benvida ás palilleiras. Xa ás 11.30 empezarán a palillar as mulleres e homes que veñan de todas as partes de Galicia e de fóra, como de Asturias, así como virán persoas con negocios relacionados co sector, como mercerías e tendas especializadas en varas de abanicos ou profesionais do palillo. Despois, de 14.00 a 16.00 horas imos xantar, e de 16.00 a 19.00 horas volveremos palillar e será o sorteo de agasallos. Ao longo da xuntanza tamén virá un grupo para animar e haberá unha exposición de encaixe feita por nós.

Estades ilusionadas ao recuperar esta festa despois de catro anos?

Estamos moi ilusionadas de recuperar esta festa para seguir dándonos a coñecer e ensinar o que facemos. Esperamos que veña moita xente e que algunha das persoas que veñan adhíranse á asociación.

Como cre que vai ser a acollida da veciñanza?

Moita, xa que nos anteriores anos colaboraron en todo, tanto os negocios como a xente particular que vén vela. Colaboran moito á xente lle gusta moito; xa nos preguntaron por que non a fixeramos estes anos. Esperamos unha afluencia de arredor de 300 palilleiras, que virán acompañadas dos seus familiares e amigos, polo que cremos que en total se xuntarán arredor de 500 persoas.

Que beneficios ten o arte de palillar?

Todas os traballos manuais e toda a artesanía para a cabeza son fundamentais e hai xente moi maior, de 80 anos, que lles ven xenial fisicamente para as mans. Ademais, facer o traballo de desprazarte, axeitarte, pensar… porque o labor necesita que penses e ademais e estás entretido, falas coa xente… É como unha terapia: estás enfadado e pásache, estás aburrido e poste contento. Eu véxoo marabilloso para entreter, para a memoria, sobre todo para o día o día da xente maior. E tamén é moi relaxante porque pasan as horas e estás dándolle aí.

Son importantes estas iniciativas para Sarria e a súa poboación? Por que?

É importante porque é unha actividade que non hai nin en Sarria nin arredores e cobre un oco dentro das actividades culturais e artesanais da vila, como o fan outras. Ademais, como comentaba antes, ao ser unha poboación envellecida, é bo para o seu desenvolvemento tanto físico como mental.