Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Nico, do Bar Cubano de Sarria: “No Bar Cubano temos un trato próximo e agradable co cliente”

Por 30 Marzo, 2024Marzo 31st, 2024Sin comentarios
Por Jessica Fernández.

Falamos con Nico e Noel López Fernández, así como Bruna, encargados da cafetería Bar Cubano de Sarria.

Noel e Nicolás, de 36 e 24 anos de idade, son os dous irmáns que rexentan o Bar Cubano de Sarria xuntamente coa muller de Noel, Bruna; collendo o relevo dos seus proxenitores, que decidiron poñer en marcha este local hostaleiro hai case 40 anos.

A cafetería Bar Cubano nace no ano 1986 pola motivación e desexo dos nosos avós, que abriron este local na rúa Matías López nº 100”. Daquela, eles puxeron en marcha este negocio familiar nunha casa que tiña un baixo que era un garaxe de camións e coches, e que agora renovaron.

“Ao principio era un bar de partidas, e púxose en marcha para fomentar o movemento de cafés de almorzos de camioneiros, traballadores e xente de paso, xa que a nosa nai, Julia, abría ás 04.00 horas. Despois, pasaron a dar pinchos e comida fría e logo foi evolucionando ata agora, que damos tapas e racións”. Así, son referentes polas súas tostas e almorzos americanos con ovos revoltos ou á prancha, aínda que tamén serven hamburguesas, racións de comida; “un pouco de todo”.

Por outra banda, destacan que a carta “está baseada maiormente en experiencias de viaxes e probas que fixemos, intentando innovar con produtos novos fóra do habitual e non copiar de pratos que se vexan a miúdo na vila”, sosteñen.

O café, a especialidade

Porén, remarcan que o que ten máis éxito do seu negocio é o café “pola súa calidade e elaboración”, así como as racións “pola súa variedade, xa que o cliente pode elixir case calquera cousa”, explican. Destacan, ademais, que “sempre fomos referente no sector do café, pero cando os nosos pais nos deixaron o negocio en 2013, decidimos potenciar máis o sector, investigando en como facer debuxos no café e escoller unha boa gama”, sosteñen.

Por este amor polo sector, Noel aprendeu todo o que puido sobre o sector do café e incluso participou en torneos nacionais de latte art, nos que destacou notablemente, levando así os seus coñecementos ao Bar Cubano.

Por outra banda, como negocio presentáronse ao concurso de tapas da vila, o Tapicheo de Sarria “porque xurdiu a idea e nos animamos a ver que pasaba”, explican; así como este ano formaron parte dos organizadores da cea anual do sector da hostalería da comarca de Sarria.

O traballo diario

O día a día no Bar Cubano é bastante dinámico, xa que lles gusta facer cousas “fóra do común” e por iso cando comezaron daban cada xoves unha tapa de autor elaborada para os clientes. Porén, despois da reforma “e coa cantidade de xente que temos todos os días, deixamos de facela porque nos dá moito traballo”, explican. Pero destacan, como aspectos positivos, o trato próximo e agradable que levan a cabo cos clientes, fomentando a fidelidade e que queden satisfeitos.

Por outra parte, acollen comidas e ceas diarias, pero non aceptan reservas e, polo tanto, non organizan aniversarios nin celebracións; aínda que si colaboran con outros eventos que se fan na vila, como a cea anual de hostalería, a verbena que tivo lugar no Meigallo, fixeron os pinchos no Garaxe en novembro e outras propostas gastronómicas e actividades promovidas por outros establecementos.

Con respecto aos clientes do bar, estes están encantados co servizo que se fai desde o Bar Cubano, xa que, como se pode apreciar nas valoracións que fan nas redes sociais e en Internet, tanto as instalacións como a comida son do agrado de todo tipo de consumidores.

Por exemplo, José Rodríguez, cliente do local, asegurou que “os rapaces eran encantadores e a restauración espectacular”. Tamén falou do latte art, sostendo que “os debuxiños alegraban a vista e daba pena estragalos coa culler”. Mentres, Manuel Ponce, outro cliente, asegurou que “dos lugares nos que comemos durante a nosa travesía polo Camiño de Santiago, este foi o mellor, tanto pola comida como por parte dos camareiros, que foron moi atentos”, comentou.

En definitiva, desde o Bar Cubano sosteñen que se esforzan por ofrecer aos seus clientes un “ambiente agradable, unha comida deliciosa e un servizo excelente”, xa que “os nosos camareiros ofrecen o mellor a todas as persoas que se achegan ao noso local”, conclúen.