Skip to main content
Paradela

O Concello de Paradela vai nomear como Fillo Adoptivo de Paradela a Santiago Rodríguez e a Xulio Xiz

Por 16 Marzo, 2024Marzo 19th, 2024Sin comentarios

O Concello de Paradela vai nomear Fillo Adoptivo de Paradela ao biólogo e profesor universitario no Reino Unido Santiago Rodríguez López, fillo do escritor Manuel Rodríguez López, que dá nome ao Certame Literario do Concello, xa na XXIX edición.

O título de Fillo Adoptivo ten a mesma consideración e xerarquía ca o de Fillo Predilecto, reservándose este para os nados no Concello, e sendo as dúas distincións para premiar especiais merecementos ou servizos extraordinarios.

Ao efecto, a alcaldesa de Paradela, Monserrat Mulet, nomeou ao concelleiro José Manuel Mato Díaz instrutor do correspondente expediente, no que se pon de manifesto o mérito de Santiago Rodríguez “pola implicación na vida municipal e no desenvolvemento cultural do Concello, contribuíndo á promoción do Certame Literario celebrado en memoria do poeta e autor galego Manuel Oreste Rodríguez López, dende 1995, e difundindo nacional e internacionalmente o nome de Paradela”.

Rematado o procedemento, o instrutor propón se efectúe o indicado nomeamento, se comunique ao interesado para que acuda á sesión solemne e pública na que recibirá o diploma e insignia que o acreditan como Fillo Adoptivo de Paradela, e que se inscriba no Libro Rexistro de Honras e Distincións o título concedido, elevando a proposta ao Concello Pleno na primeira sesión que celebre.

Outorgación do título Fillo Adoptivo a Xulio Xiz

O Concello de Paradela tamén vai nomear Fillo Adoptivo de Paradela ao xornalista e escritor Xulio Xiz, nado en Vilalba o 17 de febreiro de 1947, pola súa fonda vinculación co municipio, e pola súa continua implicación e colaboración, durante máis de tres décadas, en todo tipo de actos destinados a dar a coñecer o nome de Paradela en todo o mundo.

A Alcaldesa de Paradela, Monserrat Mulet, nomeou ao concelleiro José Manuel Mato Díaz instrutor do correspondente expediente, no que se propón a Xulio Xiz como Fillo Adoptivo do Concello de Paradela, “polo seu vencello co Concello de Paradela desde fai máis de trinta anos, colaborando activamente na organización e xestión nos actos do 200 aniversario, e coa súa inconmensurable entrega co Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López, tanto na organización do mesmo como na súa función seleccionando as obras ó formar parte dos membros do xurado, conseguindo una difusión tanto nacional como internacional do mesmo”.

Rematado o procedemento, o instrutor propón se efectúe o indicado nomeamento, se comunique ao interesado para que acuda á sesión solemne e pública na que recibirá o diploma e insignia que o acreditan como Fillo Adoptivo de Paradela, e que se inscriba no Libro Rexistro de Honras e Distincións o título concedido, elevando a proposta ao Concello Pleno na primeira sesión que celebre.

O vencello de Xulio Xiz co Concello de Paradela vén de hai máis de 30 anos, da súa amistade con persoeiros do Concello, como Xesús Mato, crego e dinamizador cultural, fundador de Fuxan os Ventos e Auxilia Lugo, recentemente falecido; e Manuel Oreste Rodríguez López, o mellor poeta obreiro galego da segunda metade do século XX, coa excepcionalidade de que o gran conxunto de toda a obra en galego fíxoa en Cataluña, sendo exemplo de galeguidade na Galicia da diáspora. Ámbolos dous, ademais, son Fillos Predilectos do Concello de Paradela.