Skip to main content
Samos

O PP de Samos critica a suba de prezo do SAF e a alcaldesa lembra que non se modificou a ordenanza

Por 24 Marzo, 2024Marzo 25th, 2024Sin comentarios

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, considera que “o Servizo de Axuda no Fogar de competencia municipal vai camiño do desastre polo abandono por parte do goberno bipartito”.

O popular faise eco das queixas que moitos veciños están trasladando ao Concello “porque se duplicou o prezo; pero non se lles dá o servizo completo. Os propios usuarios dinnos que uns días veñen e outros non, segundo lles cadra; pero pagar temos que pagar igual a suba mes a mes, porque nin caso nos fan”.

Ademais, “dende hai 8 meses non se está concedendo ningunha hora a novos usuarios. É máis, hai un montón de persoas coa valoración aprobada, pero ás que  o Concello non lles asigna horas de servizo”.

Os concelleiros do Partido Popular pedirán no próximo pleno que a alcaldesa e a concelleira de asuntos sociais expliquen “por que este servizo tan primordial para xente maior de Samos está completamente abandonado e non se conceden máis horas”.

Resposta do Goberno local

A alcaldesa samanense, Chus López, responde de novo dicindo que non se fixo ningún cambio no prezo nin taxa de pago no Servizo de Atención no Fogar.

Así, din que a suba que están experimentando os veciños é debido á porcentaxe que estableceu a Xunta e nalgún caso tamén pode deberse a que algún usuario tivera algún “cambio no prezo a cobrar se lle cambiou substancialmente o patrimonio”, explican.

“Non modificamos ningunha ordenanza, a carta que lle chega á xente xa o di claramente que a suba é pola “actualización da súa capacidade económica”, insiste a rexedora.