Skip to main content
Sarria

O Buril pon en valor o esforzo de promover eventos culturais en Sarria sen recibir subvencións

As primeiras 50 entradas baratas para desfrutar en Sarria do Encontro de Punkis na Aldea, promovido polo Buril, estanse acabando, polo que animan a reservar xa a entrada a través de punkisdealdea@gmail.com.

Desde a Asociación Cultural Deportiva e Ecolóxica do Buril (ACDE) defenden que son unha asociación sen ánimo de lucro e autoxestionada, na que os eventos e concertos que organizan non contan, en ningún caso, con financiamento externo. “Nestes seis anos de vida como sede local da asociación non recibimos ningunha subvención do Concello de Sarria”, explican.

Así, todos os concertos que promoven son a “raíz do traballo e esforzo das persoas que estamos detrás da asociación”, xa que eles contactan cos grupos, búscanlles un lugar onde durmir e cobran unha entrada que vai íntegra para os grupos que actúan.

Desde a Asociación din que o importante “é poñer a Sarria no mapa” e que todos estes eventos culturais son desenvolvidos cunha “gran aposta polo eido cultural co fin de dinamizar o pobo de Sarria”.

Ademais, no Buril están “abertos a todos estilos musicais”, xa que actuaron poetas, grupos indie, folck, metal… En definitiva, é “un centro cultural aberto a todo tipo de eventos e reunións”, conclúen.