Skip to main content
Sarria

O alumnado do Ceip Frei Luís de Granada realizou diversas actividades para promover o uso da lingua galega

Por 11 Marzo, 2024Marzo 12th, 2024Sin comentarios

O Ceip Frei Luís de Granada de Sarria rematou a súa andaina no proxecto 21 Días co Galego e + na súa  sexta edición, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como finalidade  promover o uso do galego oral entre a xente nova.

Esta edición desenvolveuse entre o 17 de xaneiro e  6 de febreiro, aínda que previamente o centro realizou múltiples actividades, no que o alumnado foi o protagonista, tanto pola  súa galeguización, o obxectivo primeiro, como pola súa participación activa no proceso.

Ademais, o profesorado, as a Anpa, as familias e o persoal de administración e servizos do cole “foron determinantes para o éxito da actividade grazas a súa implicación, así como o gran labor do Equipos de Dinamización da Lingua Galega, imprescindible para e facer posible o seu desenvolvemento”, explican desde o centro.

Os 21 días comezaron no Frei Luís cunha Xornada Inaugural coa lectura dun manifesto en prol da lingua, na que Pilar Teijeiro, coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua da provincia de Lugo, animou aos nenos a falar a lingua das súas avoas e avós e a sentirse orgullosos da súa cultura e tradición.

Así, ao longo dos 21 días realizaron actividades lúdicas moi variadas na aula e sobre todo nos recreos nas que participaron todos os profesores do claustro e os 440 alumnos que estudan no Frei Luís.