Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria pide ao Goberno un sistema para axilizar a solicitude de licenzas urbanísticas

Por 31 Marzo, 2024Abril 1st, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular esixe ao Goberno local “tomar as medidas necesarias para que o tempo de xestión de licenzas non supere os 3 meses”.

A través dunha iniciativa que defenderán no vindeiro pleno propoñen tamén “implantar con urxencia un sistema que permita axilizar a solicitude de licenzas e o seguimento do estado dos procedementos ata a súa aprobación; ademais de recuperar a atención persoal no Concello aos veciños e profesionais que soliciten licenzas para resolver dúbidas ou consultar a tramitación dos seus expedientes.

A voceira, Carmen José López, lembra que “na actualidade o Concello de Sarria está a ralentizar a resolución de expedientes en materia de licenzas urbanísticas. Así nolo poñen de manifesto veciños e representantes de distintos sectores empresariais e profesionais que se vén prexudicados porque os trámites poden implicar anos de espera”.

Nese sentido, a popular fai fincapé en que “é imprescindible simplificar a burocracia municipal na concesión de licenzas de forma que os cidadáns teñamosa certeza de poder obter os permisos nun prazo razoable” para evitar “o bloqueo de proxectos”.

Algúns dos prexuízos que pode ocasionar a tardanza na obtención de licenzas son a perda de axudas por non obter unha resolución de licenza a tempo para solicitalos ou obtelos, os incrementos dos custos previstos como consecuencia da inflación, cun aumento significativo do importe final do proxecto ou construción; a perda de ingresos e competitividade no mercado por ter que agardar demasiado tempo para poñer en marcha novas actividades e a inseguridade xurídica como consecuencia do inicio das actividades facendo uso do instrumento da declaración responsable que en algúns casos sen existir denegación expresa, co paso do tempo acaba sendo rexeitada.

Os populares defenden a necesidade de dotar de medios e establecer protocolos necesarios para dar solución a esta situación porque “desincentiva o investimento e a aposta polo noso territorio para implantar unha nova actividade ou mesmo un proxecto de vida”; pero tamén “implica unha perda de posibles ingresos para as arcas municipais”.

Os concelleiros do PP tamén piden que o Concello publique mensualmente o número de licenzas aprobadas, desglosando as de apertura, obra nova, primeira ocupación e comunicación previa, así como o tempo investido na aprobación de cada unha delas.