Skip to main content
Cultura TERRACHÁXAPol TERRACHÁXA

Pol: Ruta da Fraga de Romeor

Por 29 Marzo, 2024Marzo 30th, 2024Sin comentarios

Dá comezo na localidade de Rioxoán para percorrer 18 quilómetros de paisaxes cambiantes declarados Reserva da Biosfera.

A ruta da Fraga de Romeor é de 18 quilómetros de lonxitude e unha duración aproximada de catro horas, apta tamén para cicloturismo.

No ano 2002, máis de trescentas mil hectáreas da provincia de Lugo, encadradas na conca alta do Miño e unha pequena proporción da súa conca media, así como os seus bordos montañosos, foron declaradas pola Unesco Reserva da Biosfera.

Nunha paisaxe sempre cambiante onde os usos agrícolas foron compatibles coa conservación do medio, destacan os ecosistemas asociados á superficie de zonas húmidas, tanto de montaña como vinculados a chairas como a de Terra Chá. Esta reserva da Biosfera abarca varios municipios entre os que se atopa o concello de Pol e con esta ruta da Fraga de Romeor poderemos coñecer un pouco máis este espazo natural da provincia de Lugo.

A ruta dá comezo no pobo de Rioxoán, máis concretamente na súa área recreativa. Nos primeiros momentos desta ruta camiñaremos entre terreos de cultivo para a continuación adentrarnos en montes nos que poderemos observar principalmente piñeiros que son moi frondosos na zona do val.

Continuaremos o noso camiño en dirección a Orán coñecendo o seu monte e observando a fermosa paisaxe que o rodea. Na parte final deste tramo chegaremos a un dos puntos máis altos da ruta, un miradoiro situado a máis de 800 metros de altitude e dende onde poderemos ver os concellos de Baleira e Ribeira de Piquín.

Dende este punto a ruta segue por un cortalumes en dirección ao Alto da Cima de Valiña e quedando o monte Susá á nosa dereita e a Serra de Paradela á nosa esquerda. Continuando o camiño atoparemos dous novos miradoiros. No primeiro poderemos apreciar o Breñal de Murúa e no segundo a frondosidade da Fraga da Marronda, incluída na Rede Natura 2000 e que conta cunha mestura de carballos, faias e castiñeiros.

Regresaremos ao momento inicial entre piñeirais adultos e de repoboación polos montes de Susá e Valonga ata chegar á estrada LU-750 e á zona peonil que nos levará a área recreativa na que iniciamos a ruta. Ao longo de todo o camiño atoparemos carteis de dirección así como paneis informativos sobre a flora e a fauna da contorna desta ruta do concello de Pol.