Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

Licitan as obras de tres estradas da zona centro da provincia

Por 8 Marzo, 2024Sin comentarios

Actuarase nas vías LU-530, LU-122 e LU-113, ao paso por Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto.

A Xunta vén de licitar as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas na provincia de Lugo, cun investimento de preto de 2,5 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta contratación, establecendo como prazo ata o vindeiro 2 de abril para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé adxudicar en xuño o contrato para poder executar este ano os traballos de acondicionamento nas estradas LU-530, LU-122 e LU-113, ao paso por Castroverde, Baleira, A Fonsagrada, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Riotorto.

De xeito máis concreto, na estrada LU-530, actuarase entre as travesías de Castroverde e do Cádavo, ao longo dunha lonxitude de 8,78 quilómetros; e entre A Lastra e A Fonsagrada, en 19,34 quilómetros.

Na LU-122, intervirase no tramo Paraxes-Cruz da Cancela, nunha lonxitude de 20,12 quilómetros; e na LU-113, desde o final da travesía de Castro ata Xustás.

Estas actuacións danlle continuidade aos traballos executados en anos anteriores, pois na LU-113 mellorouse en 2023 o firme entre os puntos quilométricos 0 e 6+000 nos concellos de Castro de Rei, Cospeito e Abadín.

Cómpre lembrar que no 2019 tamén se acondicionara a capa de rodaxe da LU-530 entre o inicio da estrada en Lugo ata a entrada a Castroverde.

A Xunta leva licitados no que vai de ano traballos por importe de 4,55 millóns de euros para mellorar o firme das estradas autonómicas na provincia de Lugo.

Este esforzo investidor en conservación de estradas súmase ao investimento acumulado durante os últimos na conservación da rede viaria, que acada en conxunto un bo estado.

Desde a posta en marcha dos Plans de reforzo de firme, no ano 2016, a Xunta destinou 32,8 M€ a renovar o pavimento das vías autonómicas na provincia de Lugo, unha cantidade que se suma aos 4,55 M€ xa mobilizados para este ano, acadando os 37,3 millóns de euros.