Skip to main content
Begonte

A oposición fala: Begonte

Por 10 Marzo, 2024Marzo 11th, 2024Sin comentarios

PSOE e BNG ocupan un asento cada un nunha Corporación de avultada maioría do Partido Popular.

PSOE

Begonte é un dos concellos da Terra Chá cunha maioría importante de concelleiros do PP. De feito, dos 11 que lle corresponden por poboación, ten 9 no Goberno, deixando un para cada un dos partidos da oposición. O PSOE tiña dous antes dos anteriores comicios e o BNG non tiña representación e nesta ocasión logrou recuperar presenza.

Á fronte do PSOE está Susana Ferreiro, que se incorporou ás listas no ano 2019, “foi un orgullo que os veciños e veciñas me desen esta oportunidade”, explica. Chegou ata o PSOE, como ela mesma asegura, “porque o meu alcalde ten un mal costume que é facer as cousas  como lle parece sen consultar a ninguén e falei co que representaba á oposición, o meu compañeiro Serafín, e unha cousa levou a outra”.

PSOE: “A política local é complicada, pero eu sempre estou disposta a escoitar aos veciños”

Acabou encabezando a lista socialista e aí segue, agora cun bebé na casa. “A política local é un pouco complicada, ás veces sénteste sinalada pero eu sempre estou disposta a escoitar as queixas dos veciños e facerlles chegar esas queixas ao equipo de Goberno. Cando chega documentación dos plenos temos moi pouco tempo para revisala e iso é o peor pero  intento facelo o mellor posible, falar cos veciños, coas asociacións”, explica vendo nese punto o apartado negativo do seu traballo, que compensa “coa satisfacción de saber que traballas polo que cres, que tentas aportar as túas ideas para mellorar a vida do teu pobo”.

Pero desenvolver o traballo na oposición é complicado. “Diría que o meu papel é lembrar iso, buscar acordos e tentar que non se goberne de costas aos que non votaron á opción de Goberno, aínda que ás veces é difícil conseguilo. Cando non gobernas sentes moitas veces unha certa impotencia. A xente contaba contigo e sempre esperas poder facer máis dende a oposición”, explica.

Ata o momento o seu labor estivo sempre na oposición, aínda que o seu partido gobernou en coalición no ano 2007, “daquela investiuse en servizos públicos, como redes de saneamento e alumeado”, explica.

De feito, as liñas principais do seu programa van “polos servizos públicos, a mellora da sanidade e a aposta por xerar emprego no rural. Begonte ten potencialidades que penso que o equipo actual de Goberno non está a aproveitar, en parte pola incapacidade do alcalde de presentar ante a Xunta calquera reivindicación que non coincida coas liñas das políticas do PP, que non sempre lle dan ó rural a importancia que debería ter”.

Para Susana estar a disposición do partido sempre é fundamental. “Entendo que a política é un servizo aos demais, e os obxectivos que importan son os que che marcas para mellorar as cousas. Eu me considero unha  curranta e vou estar alí onde faga falta ou onde me digan que son útil”.

Despois, as queixas principais a nivel persoal están cara o equipo de Goberno polo “trato despectivo nos plenos, a remisión da información con pouco tempo para estudala… ese tipo de  cousas me parece que non aportan nada, e que os veciños esperan dos seus representantes outro tipo de comportamento”.

BNG

Pablo Ares ten menos experiencia no consistorio local, xa que entrou o ano pasado, cando o seu partido recuperou o asento. Este mozo local ten claro que a función principal agora, desde a oposición, é “representar a opinión dos veciños e veciñas que son afectados polas decisións do Goberno local e están en desacordo con elas, informar á Alcaldía dos problemas ou esquecementos sistemáticos do Concello, ademais de conseguir que o Concello traballe para a veciñanza e que se implique con ela. “A finalidade é evitar un goberno privativo, opaco e deslucido, no que a súa principal política é gobernar para os seus e manterse no cargo”, explica.

Leva pouco tempo neste papel pero xa ten claro cales son os beneficios que el mesmo explica, como “conseguir un Concello máis transparente, mellor para os veciños e veciñas e que estes sexan escoitados pola administración, facendo que perdan o medo ao alcalde e estean informados”.

BNG: “O obxectivo é conseguir a transparencia total do Concello”

Pero xa coñece tamén a parte dos sacrificios do político da oposición: “Económicos, sociais e laborais; a atención ás peticións dos veciños e veciñas, o formar parte da oposición do réxime do alcalde dun concello pequeno cunha maioría absoluta e de voto conservador, o exercer dereitos democráticos a favor das peticións da veciñanza e en contra do absolutismo do alcalde, xeran estes sacrificios”.

O BNG non estivo no Goberno local, aínda que apoiou a investidura do independente José Pena no 2007, aínda que non acabaron pactando.

Agora mesmo os seus obxectivos a nivel político están en “conseguir a transparencia total do Concello e que o seu goberno sexa ao servizo dos veciños e veciñas de Begonte, xa que os concelleiros e o alcalde deben de ser empregados de tódolos veciños e veciñas”. Deste modo, o seu traballo diario está en “comunicar á Corporación Municipal as preguntas, rogos e peticións proporcionadas pola demanda da veciñanza do Concello; participar e axudar nas comunicacións dos veciños e veciñas coas demais administracións, para que se cumpran as súas demandas, levando incluso algunha delas ata o Congreso dos Deputados; sen limitarse a un mísero tramite burocrático. Promocionar e participar en eventos do Concello e a creación de novas infraestruturas con beneficios sociais e transparentes”.

Para iso quere “un concello cunha xestión transparente, comprometernos co medio ambiente, revitalizar o noso rural, facer un concello con futuro e para as persoas”. De feito, entre as necesidades máis urxentes cita “a conservación e o amaño das infraestruturas básicas como os camiños, os subministracións os saneamentos e o alumeado”.