Skip to main content
BegonteRábade LUGOXARábade TERRACHÁXARibadeoVegadeo

As estradas entre Begonte e Rábade e Vegadeo-Ribadeo, entre as máis perigosas de España

Por 21 Marzo, 2024Sin comentarios

A Fundación RACE, como membro de iRAP, levou a cabo o informe de Avaliación de estado da Rede de Estradas do Estado (RCE) do período 2020-2022. Do total de 25.100 quilómetros analizados, e a súa relación cos datos de accidentalidade que se rexistraron nese período, o informe da Fundación RACE mostra un risco elevado de perigo (medio-alto e alto) en 1.974 quilómetros, o que supón case un 8% sobre o total de km da rede de estradas analizada.

Segundo os datos do informe localizáronse un total de 56 tramos de Risco Elevado (8 máis que no informe anterior), dos cales 9 son tramos Negros, considerados de Risco Alto para a seguridade dos seus usuarios. Por outra banda, hai 47 tramos considerados Vermellos, cualificados de Risco Medio-Alto.

En concreto, o tramo máis perigoso está na N-6, en Galicia, entre os puntos quilométricos 517,1 e 528,5, que corresponde ás localidades de Begonte e Rábade. Esta é a estrada cun maior risco para sufrir un accidente grave. O resto dos tramos negros de alto perigo atópanse na N-323 (Andalucía), N-631 (Castela e León), N-345 (Murcia), N-432 (Andalucía), N-502 (Catilla e León), N-634 (Cantabria) e N-340 (Comunidade Valenciana). Péchase este grupo de estradas perigosa coa N-642, entre o inicio da vía e o kilómetro 8, que vai desde a aldea de Porto da Abaixo, en Ribadeo, xusto no límite con Asturias, e que sobe pola vía paralela á ría ata Ribadeo.

Por comunidades autónomas, Cataluña é a que presenta unha maior proporción de estradas consideradas de risco elevado, co 11,3% de vías, seguida de Castela e León con 9,9 %.

Os tramos que preocupan especialmente son o da N-323 en Granada (entre os quilómetros 172,5 e 190,3 ), o da N-634 entre os pk 232,8, e o 243,1 en Cantabria, xa que levan repetíndose entre os máis perigosos de España desde o informe de 2019 e 2021.

O tramo da N-345 na provincia de Murcia (entre os quilómetros 0 e 7,2) é o máis preocupante de todos, xa que ten un índice de risco alto desde o informe de 2017 ao 2019.

OS ACCIDENTES

En función dos datos obtidos no informe de avaliación do estado das estradas realizado pola Fundación RACE coa metodoloxía iRAP, existen determinadas características que coinciden na gran maioría dos tramos máis perigosos de estradas en España. Estes inclúen tratarse dunha estrada convencional, posuír unha calzada única, ter interseccións ao mesmo nivel e ter un IMD por baixo dos 10.000 vehículos/día.

No sentido contrario, as estradas máis seguras son, paradoxalmente, aquelas polas que transitan máis vehículos. Nelas prodúcense menos accidentes por cada coche que circula, non se invade o sentido contrario, non hai interseccións ao mesmo nivel e, ao dispoñer duns maiores niveis de seguridade pasiva, os accidentes teñen menores consecuencias.

Para a elaboración do informe tivéronse en conta un total de 2.987 accidentes ocorridos na Rede de Estradas do Estado no período considerado 2020-2022, dos cales 982 son accidentes mortais, cun saldo de 1.096 falecidos e 2.616 feridos graves, sucedidos nos tres anos de estudo.

A evolución dos accidentes mortais e graves ocorridos na Rede de Estradas do Estado é moi positiva, cunha redución de máis do 73% respecto ao ano 2009, que foi o inicio do estudo, e un 50% fronte aos datos da última década (2013 -2023).
O descenso das cifras de sinistralidade é continuo desde 2019, onde se produciu un lixeiro repunte, pero que tivo un descenso medio do 7,1%, sendo o último descenso na do 2,61%.