Skip to main content
Cospeito

A Moexmu recolle este venres a XXIV edición do premio Aresa

Por 1 Marzo, 2024Sin comentarios

A condición de feira decana e escaparate agrogandeiro, o seu impacto a prol do desenvolvemento e da profesionalización do sector, a contribución á mellora do gando vacún de raza frisón e a súa acción de dinamización socioeconómica e cultural no medio rural a través da Festa da Filloa son algúns dos eixos valorados no ditado do xurado do galardón creado pola USC e Aresa.

A candidatura da Mostra Exposición Muimenta (Moexmu), impulsada pola comisión organizadora da feira decana do sector agrogandeiro da provincia de Lugo que este ano chega á súa cuadraxésima edición, resultou gañadora do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

O xurado encargado de emitir o ditame explicou que na presente edición “presentáronse 12 candidaturas de perfís diferentes, pero de alta calidade”. O reitor da USC deu conta da decisión do xurado logo de máis dunha hora de reunión, durante a que fixo “unha avaliación polo miúdo das fortalezas e dos méritos das propostas recibidas”. Antonio López salientou que as últimas deliberacións centráronse entre a candidatura gañadora e a presentada por Traloagro, unha iniciativa empresarial de produción agrogandeira en ecolóxico, que tamén foi moi valorada.

A cerimonia de entrega do XXIV Premio Aresa será hoxe, venres 1 de marzo, a partir das 20.00 horas, nun acto público que se desenvolverá no auditorio da Facultade de Veterinaria e ao que están invitada a veciñanza de Muimenta.

A candidatura gañadora do XXIV Premio Aresa representa valores moi aliñados cos intereses e coas liñas de especialización do Campus Terra, sinalou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, quen, logo de salientar a condición da Moexmu como decana das feiras do sector agrogandeiro, lembrou a xa dilatada colaboración que mantén a sede universitaria luguesa coa comisión organizadora desta cita sectorial e tamén da Festa da Filloa de Muimenta, tamén no concello de Cospeito.

O impacto da Moexmu como elemento de dinamización do medio rural, alén da súa localización chairega, foi un dos aspectos destacados pola catedrática da USC Ángeles Romero, quen tamén sinalou que esta celebración deste evento incentiva a reflexión colectiva sobre o medio rural, ao tempo que actúa como escaparate que axuda a facer visible a súa realidade. Asemade, a conselleira de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a progresiva profesionalización do sector agrogandeiro á que contribuíu e contribúe a Moexmu, ademais de salientar o particular impacto xerado polos promotores deste evento na mellora xenética do gando vacún frisón.