Skip to main content
Guitiriz

Abre a inscrición para unha nova edición da Guitiriz Termal

Por 14 Marzo, 2024Sin comentarios

Abertas as inscricións para a XIV Carreira Popular Concello de Guitiriz Termal, que se celebrará o sábado 7 de abril, e que está organizada polo Concello, en colaboración coa Xunta Local de Loita Contra o Cancro de Guitiriz.

As persoas interesadas en participar, tanto nas diferentes modalidades de carreira como na andaina, poden apuntarse ata o 3 de abril na páxina web https://guitiriztermal.ccnorte.com.

En función dos grupos de idade, a carreira desenvolverase en diferentes modalidades e distancias. As categorías son: Andaina (adultos e menores)-9.000 metros; Biberóns (2017 e posteriores)-200 metros; Sub12 (2013-2014) e Sub10 (2015-2016)-800 metros; Sub16 (2009-2010) e Sub14 (2011-2012)-1560 metros; e Absoluta (2008 e anteriores)-5.000 metros.

Ademais, habilitouse unha Fila 0 para que todas aquelas persoas que o desexen, aínda que non participen na carreira, poidan facer a aportación voluntaria que consideren, que será doada á Xunta Local de Loita Contra o Cancro de Guitiriz, xunto con 1 euro de cada inscrición.

Na mesma semana da carreira presentarase oficialmente o evento no Concello de Guitiriz.