Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz acolle a proxección dun documental sobre Reboiras

Por 26 Marzo, 2024Sin comentarios

A asociación Xermolos xunto ao Festival de Cine de Roca organizan unha nova proxección. Será o venres 29 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa Habanera, e proxectarase o documental Reboiras. Acción e Corazón, de Alberte Mera.

Trátase dunha homenaxe a un mártir da nosa terra, a un defensor total dos dereitos sociais e laborais da clase traballadora galega asasinado nos anos finais da ditadura franquista.

Realizado en lingua galega, ten unha duración de 62 minutos e está recomendado para maiores de 12 anos. A entrada é de balde.

Esta proxección forma parte dun ciclo co que Xermolos quere desenvolver unha programación cinematográfica durante todo o ano, unha sesión unha vez ao mes. Co nome Vaia Cine! iniciaron o pasado mes de xaneiro con Julia a partir dunha idea que xurdiu durante a celebración do Festival de Música de Cine de Roca.

A liña común destas películas será unha vinculación coa etnografía e a defensa dos dereitos humanos e da xustiza social e buscando a equidade de xénero ou a presenza do galego.

Na programación incluiranse filmes de actualidade así como outros estreados tempo atrás os cales se considera oportuno desde a organización recuperar polo seu interese social ou etnográfico.