Skip to main content
Guitiriz

Ata 32 persoas fixeron o Camiño Vello de Aldosende co programa Guitiriz en Ruta

Por 27 Marzo, 2024Sin comentarios

Ata 32 participantes uníronse o pasado domingo á segunda saída da sexta edición do programa de sendeirismo ‘Guitiriz en Ruta’, cunha andaina no Camiño Vello de Aldosende, no concello de Paradela.

Os asistentes saíron cara Paradela desde o Campo da Feira de Guitiriz ás 9:00 horas. Alí comezaron o traxecto de 12 quilómetros cara ao miradoiro de Cabo de Vila, con volta ás 17:00 horas.

O programa consta dunha andaina por mes, das que cinco son polo municipio, que son gratuítas, e as outras tres noutros concellos, que teñen un custe de 5 euros para empadroados e de 10 euros para os non empadroados. A seguinte saída será o domingo 28 de abril e percorrerase a parroquia de Mariz.

Todas as saídas están abertas ao público xeral que teña unhas condicións físicas mínimas para poder camiñar varios quilómetros. Completan a programación: a ruta da Pedra de Díaz Castro nos Vilares (domingo 26 de maio), camiñando entre provincias (domingo 27 de outubro), a ruta do Río Mendo en Oza dos Ríos e Betanzos (domingo 24 de novembro) e a ruta do Río Requeixo (domingo 22 de decembro).