Skip to main content
Muras

Muras investirá na rehabilitación do Camiño Nordés

Por 17 Marzo, 2024Marzo 18th, 2024Sin comentarios

O Concello presentou a memoria de actuacións que se levarán a cabo cos cartos do Fondo de Compensación Ambiental durante o presente ano e que teñen un orzamento total de 506.083 euros, tal e como explicou o alcalde, Manuel Requeijo.

Unha das primeiras accións será a contratación de tres peóns forestais para que segan a acometer labores de recuperación ambiental e paisaxística, que este ano estarán centradas no Camiño Nordés, cara a Santiago. Esta actividade ten un custe de 17.237 euros.

Coas axudas do Fondo de Compensación, hai xa anos procedeuse a repoboacións con especies autóctonas nos terreos adquiridos para a Aldea de Carelle Grande, que se veñen mantendo e mellorando dende entón, e á recuperación dos tradicionais camiños reais, camiños da igrexa e sendeiros, en tódalas parroquias do municipio, acondicionouse unha rede de rutas de sendeirismo que aumentan cada ano, e que complementan as grandes rutas creadas ó abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e doutras subvencións autonómicas nos últimos anos, adicadas ó ecoturismo, na que destacan a grande diversidade tanto na vexetación como na fauna, percorrendo espazos tan singulares como a Serra do Xistral, ou as ladeiras dos tres ríos que bañan o municipio: Eume, Landro e Sor, e as parroquias de Viveiró, Burgo e Muras.

Nesta recuperación ambiental e paisaxística englóbanse novas actuacións, séguese a impulsar o tramo correspondente a este Concello do Camiño Nordés, cara a Santiago, polos montes e lugares deste concello, que tamén se empregan en datas tan sinaladas como as do Trail das Bestas ou nas xornadas de observación dos ceos, toda vez que mantemos o selo Concello Starligth, pola baixa contaminación lumínica.

Neste senso de protección ambiental e paisaxístico inclúense as tarefas antes descritas, xa que en boa maneira son tamén a base de actuación noutros campos como a prevención e defensa contra os incendios forestais, é de grande importancia tanto a diversidade das especies vexetais, como o seu axeitado mantemento e limpeza, e nun Concello como o de Muras, de grande extensión, con preto do 70% protexido ou de masa arbórea, dispor dun entramado de vías e camiños que permitan o acceso rápido de vehículos todoterreo e motobomba, en bo estado de conservación, faise unha ferramenta indispensable.

“Todas estas tarefas descritas, de coidado e recuperación do entorno, son laboriosas e a miúdo non posibles a través de medios mecanizados, o que fai que sexa preciso un conxunto de traballadores para proceder ó mantemento do xa acadado, e tamén a súa ampliación na medida do posible, que desenvolverían o seu traballo ó longo dos meses de verán”, explican desde o concello.

Todo este traballo estaría desempeñado por 3 peóns forestais, que serían os encargados do traballo de campo e un técnico forestal para as tarefas de coordinación.