Skip to main content
As Pontes

O CR Fendetestas chega ao final da tempada con todas as frontes competitivas abertas

Por 15 Marzo, 2024Sin comentarios

O club de rugby pontés estará presente en todas as semifinais das competicións autonómicas, mesmo cando aínda quedan xornadas da liga regular por disputar nalgunhas delas.

O equipo sénior masculino deberá xogar aínda dous partidos máis para pechar a fase regular, pero chega cos deberes feitos garantida a primeira praza na 2ª división masculina. O obxectivo é xa manter a condición de invictos no que resta de liga de cara aos cruces polo título.

As rapazas sénior, cedidas no Santiago RC, tamén se aseguraron xa os play offs ao acadar a segunda posición da táboa, e incluso poderían quedar primeiras da fase regular se gañan os dous partidos que lles restan (un deles contra o CRAT, que ocupa actualmente a primeira posición).

As semifinais de ámbalas dúas categorías terán lugar a primeira fin de semana de abril, e a gran final disputarase o 20 ou 21 de abril nun campo aínda por determinar.

Nas categorías inferiores, o CR Fendetestas compite na Unión do Norte Rugby, un equipo formado polo clube pontés, o Muralla RC de Lugo, a ER Astérix de Viveiro e o Capóns Vilalba RC. O equipo M18 estará nas semifinais polo título, logo de superar duras probas coas convocatorias xustas ou mesmo partindo xa de inicio en inferioridade. Antes disto, disputará esta fin de semana o partido aprazado contra o Vigo RC, equipo que ocupa a primeira posición da táboa na fase de liga regular.

Pola súa parte, os equipos M14 e M16 desprazaranse a Pontevedra o 24 de marzo para enfrontarse ao Mareantes RC en sendas semifinais das ligas galegas destas categorías. Estes equipos gozan de amplos planteis con xogadores e xogadoras que comparten experiencia e iniciación neste deporte.

Sen dúbida, que os tres equipos da Unión do Norte Rugby estean nas semifinais das ligas é unha gran nova, que exemplifica a boa saúde da que goza este combinado na súa segunda tempada de existencia.

Dende o CR Fendetestas valórase moi positivamente este logro deportivo, ao vir avalado por unha maior participación de mozos e mozas e o resultado dun grande traballo de adestramentos que ás veces esixen desprazamentos para prepararse cos compañeiros e compañeiras doutras localidades. Os bos resultados tantos nas categorías inferiores coma nas sénior son un broche de ouro para esta tempada, e o inicio dun gran ano no que o CR Fendetestas está de 35 aniversario.