Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

Dous ouros máis para as bases da loita vilalbesa

Por 18 Marzo, 2024Sin comentarios

Os deportistas do Club Loitas Olímpicas de Vilalba volveron a destacar na súa participación nos campionatos de España das categorías U13, U15 e U17, que tiveron lugar no Palacio dos Deporte de León esta fin de semana.

En U13 trouxeron o ouro de Jimena García en menos de 60 kg e o 5º posto de Héctor Somoza nunha categoría 50 kg moi complicada. Enrique Seoane non puido disputar a categoría de menos 65 kg. Esta foi a primeira vez que levan deportistas á categoría U13, e aínda que tiveron máis deportistas clasificados no anterior Campionato Galego optaron por levar aos que vían suficientemente preparados para loitar un Campionato de España.

En U17 foi Kevin Cuba o que se fixo co ouro en menos de 92 kg destacando entre os loitadores ao derrotar na final ao ucraniano Ivankov, que partía como favorito da categoría. Con este xa é o segundo título de Campión de España cadete para este deportista.

O club foi o que máis campións de España aportou para a Selección Galega que se fixo co 3º posto por comunidades autónomas.

Ademais dos vilalbeses tamén hai que mencionar os resultados acadados polos loitadores do Club de Loita Lugo, destacando os bronces de Clara Carromacho en U17 e Ana López en U23, así como o 7º posto de Bruno Pintos en menos de 45 kg U13.

Esta semana que ven Kevin Cuba volverá loitar nos Campionatos de España da categoría U20.