Skip to main content
Vilalba

Vilalba realiza estes días un proceso de baleirado e limpeza na EDAR

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Vilalba informa dunha actuación de baleirado, limpeza e posta a punto do decantador secundario da EDAR. Trátase dun procedemento habitual e necesario para asegurar o bo funcionamento do proceso de depuración das augas residuais en Vilalba.

As tarefas comezan hoxe, martes 19, e durarán un máximo de catro días. O Concello de Vilalba informa de que nas últimas datas foron detectadas lixeiras flotacións de lodos nalgunhas zonas no decantador secundario da EDAR dos Pasos de Vilalba.

Como acción preventiva, considérase necesario baleirar o decantador para comprobar o correcto estado de todos os elementos da instalación mergullados, reparando aqueles que así o requiran.

A EDAR conta cunha liña de tratamento e un único decantador secundario, polo que non existe a posibilidade de desviar o caudal por unha liña de tratamento paralela e, polo tanto, é necesario habilitar un bypass da auga pretratada (despois de pasar todos os procesos obrigatorios).

O día 4 de marzo, o Concello recibiu a autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar dita actuación, que consiste no baleirado do decantador secundario, para o que se recircularán e almacenarán os fangos no reactor biolóxico.

Durante a actuación, a auga que chega a EDAR pasará en todo momento polos procesos de tamizado, desareado e desengrasado, e será vertida ao río.

O Concello comunica estes traballos aos efectos de informar de posibles verteduras ocasionais de augas residuais con parámetros desaxustados ao río Madalena.

O goberno local confía en que se realice o proceso na maior brevidade para retomar canto antes a normalidade nas verteduras dos efluíntes procedentes da EDAR ao río.