Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba non quere que as melloras do polígono “queden só en anuncios”

Por 21 Marzo, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Vilalba subliña a importancia de que o Concello colabore e estea en constante contacto cos distintos colectivos. Trala reunión do goberno local e dos representantes dos distintos partidos co tecido empresarial, os populares agradecen “o cambio de actitude do goberno local que levaba cinco anos negándose a reunirse coa asociación de empresarios Sete Pontes” e agardan que “polo ben do polígono industrial e do tecido empresarial, leven a cabo as melloras e xestións anunciadas”.

Os populares, xa teñen manifestado que apoiarán calquera iniciativa que supoña unha mellora para o desenvolvemento empresarial, reivindican que “levamos tempo pedindo a limpeza e acondicionamento do polígono industrial, a mellora da sinalización horizontal e vertical e da iluminación; ademais da adhesión de Vilalba ao programa Doing Business”.

Sobre esta última cuestión, xa deixara iniciadas as xestións o goberno do Partido Popular para converter a Vilalba en Concello Emprendedor que contempla distintos incentivos para a implantación de empresas e confire maior puntuación á hora de obter subvencións doutras administracións”. Foi tamén o Partido Popular o que levou o asunto a pleno en varias ocasións máis sendo aprobado por unanimidade.

Así, “o desinterese do goberno local levou á perda de subvencións para mellorar o noso pulmón económico durante os últimos cinco anos porque Vilalba non é Concello Emprendedor”, sinalan.

DEBERES PENDENTES

Os concelleiros do PP lamentan que “na última anualidade o goberno local reduciu 2.000 euros a subvención dirixida á asociación de empresarios” e agardan que “na medida do posible se incremente o apoio ao colectivo que sempre traballou polo tecido empresarial, comercial e hostaleiro de Vilalba”.

Nesa liña, subliñan que “quedan moitas cousas por facer”. Como, por exemplo, a sinatura dun convenio de colaboración coa asociación para o desenvolvemento de distintas campañas e iniciativas de dinamización do tecido empresarial.

E tamén avanzar nos trámites para a ampliación do solo industrial que permita o desenvolvemento do municipio, a creación de empresas e empregos para favorecer o asentamento da poboación.