Skip to main content
Vilalba

“Queremos ser máis que unha tenda, un espazo de encontro”

Por 24 Marzo, 2024Marzo 25th, 2024Sin comentarios

Mónica e Belén Rodríguez son as fundadoras do proxecto de vida Denais, en Vilalba.

Pode definir un pouco que é Denais e que podemos atopar nesta tenda?

Denais é, ante todo, un proxecto familiar. Comezamos coa confección de complementos téxtiles para bebés e mamás, e unha vez demos o paso a tenda física, ampliamos a xogos, libros, calzado respectuoso, algo de roupiña, sobre todo para bebé, e complementos.

Podería falarnos de como se xestou a idea, porque nun principio foi un negocio en liña unicamente?

A idea naceu da nosa necesidade de conciliar vida familiar e laboral. A nosa nai enfermou, xusto cando Mónica se quedou embarazada por primeira vez. Máis tarde quedeime eu embarazada e necesitabamos tempo para coidar e coidarnos e de aí empezamos a pensar en emprender para organizar os nosos tempos e poder pasar máis tempo en familia. A nosa nai é moi boa costureira, e nós nunca aprenderamos dela o oficio, e decidimos empezar por aí. Por iso comezamos a elaborar complementos para bebés e mamás. Comezamos abrindo un perfil de Instagram e vendendo por aí. Despois viría a tenda on line e empezar a asistir a feiras de artesanía.

Cando dan o salto á tenda física?

A oportunidade xurdiu cando Antía Naveiras decidiu traspasar a súa tenda Carapuchiña Vermella. Antía xa vendía algúns dos nosos produtos na tenda e tiñamos moi boa relación, e pareceunos unha boa oportunidade.

Cales son as particularidades que teñen os produtos Denais?

Nos só confeccionamos produtos que nos parecen moi útiles, e aos que se lles pode dar moito uso. Porque un dos pilares do noso proxecto é a sostibilidade, e por iso para nós é fundamental a durabilidade do produto. E despois usamos tecidos o máis sostibles posible, tamén, e con certificacións ecolóxicas, sempre que é posible. O resto de produtos están moi pensados e damos mil voltas antes de traelos, porque queremos coidar moito, moito todo o que temos. Priorizamos produtos artesáns e de materiais naturais, e de procedencia nacional e europea. No caso dos xoguetes gústanos especialmente a madeira, os xogos e xoguetes que deixan voar a imaxinación dos máis peques, que canto menos fai o xoguete, máis fai o neno, que diría María Montessori. O xogo libre e as pezas de material desestruturado tamén nos gustan moitísimo, precisamente por ter esa capacidade de ser calquera cousa que queira imaxinar quen xogue con eles. Temos unha selección moi coidada de xogos de mesa, que abarcan ata idades máis avanzadas. Nós cremos firmemente na importancia do xogo como ferramenta educativa ao longo da vida, e porque nos parece un pracer compartir eses momentos en familia. Estamos apostando tamén polo calzado respectuoso, xa que confiamos moito nos beneficios que ofrece, e tamén estamos vendo que cada vez hai máis demanda na vila.

Cales son os produtos con máis demanda actualmente?

Dos produtos confeccionados por nós, para bebés a capa de baño é o produto máis vendido, xunto coas bandanas e as toalliñas multiusos. E cremos que sobre todo e polo uso do rizo de bambú, que é un tecido súper suave, que seca rapidísimo, e moi, moi gustoso para a pel dos bebés. Do que temos á venda en tenda doutras marcas, vai un pouco por épocas, pero a verdade é que están saíndo moi ben os libros, que temos unha sección moi coidada con títulos moi chulos, e tamén o xogo simbólico. Dos produtos para mamis, dos confeccionados por nós, as totes seguen sendo o produto estrela. E tamén estamos vendendo moi ben os libros sobre maternidade e crianza.

Por que escolleron Vilalba para iniciar este proxecto?

Vilalba escolleunos a nós! A nosa nai é de Román, e aínda que nacemos e nos criamos en L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), Mónica veuse hai máis de 20 anos vivir aquí, e eu (Belén), hai case 10 anos. Sempre nos quixemos vir a Galicia, e namorarse de rapaces de Román fixo o resto. Así que unha vez instaladas aquí na vila, tiñamos claro que de ter espazo físico sería aquí.

Cales son as metas que se propoñen?

Como meta a longo prazo… seguir medrando con Denais! E vivir disto tranquilamente. Non buscamos grandes luxos, pero si chegar tranquilas a final de mes, que xa se sabe que emprender é moi duro. E como metas para este ano, imos iniciar talleres e cursos aquí na tenda, que é algo que tiñamos en mente desde que iniciamos o proxecto. A parte educativa (eu, Belén, son educadora social) non a queremos deixar de lado, porque queremos que isto sexa algo máis que unha tenda, que sexa un espazo de encontro, onde poder compartir sensacións, dúbidas, inquietudes. E xa temos programado un taller de primeiros auxilios pediátricos que imos facer coa colaboración de Cruz Vermella Vilalba, para os días 13 e 20 de abril. Ademais, coa asociación socioeducativa Antonio Gandoy (antes Preescolar na casa) temos pensado crear un grupo de posparto para mamás e bebés entre 0 e 9 meses, e programar talleres e charlas de temas concretos, como poden ser os límites na crianza, aprender a xestionar as rabexas, por exemplo. Temos moitas ganas de que participe a xente para poder programar respondendo a necesidades concretas.

O nome escollido para a tenda foi un pouco para render unha homenaxe as nais, imaxino.

Totalmente. Este proxecto empezou a xestarse despois da enfermidade da nosa nai, e coincidindo coa maternidade de Mónica, e máis tarde da miña. Todo iso fixo que cambiaran as nosas prioridades, e que coidarnos e coidar ás nosas familias fora o máis importante para nós. Así que este proxecto é basicamente unha homenaxe á nosa nai, e chegou cando nós nos convertemos en nais. Entendemos que non había un nome que o definira mellor.