Skip to main content
Axenda TERRACHÁXAXermade

A asociación veciñal de Cabreiros inicia un ciclo de catro rutas

Por 12 Marzo, 2024Marzo 13th, 2024Sin comentarios

Como todos os anos, dende a Asociación de Veciños de Cabreiros, organizan saídas a diferentes rutas de sendeirismo para seguir coñecendo e gozando da paisaxe e da natureza, intentado que haxa variedade en canto aos atractivos e características das camiñadas.

As camiñadas darán comezo o sábado 23 de marzo, sendo a primeira pola Ruta da Carballeira, Ruta Pena da Noira e Dolmen Forno dos Mouros. Trátase dun percorrido de 17 quilómetros de dificultade media por este concello e o veciño de Sobrado.

A saída desta primeira está prevista para as 8.45 de Cabreiros e intentarán viaxar en autobús. O prazo de inscrición é ata o 18 de marzo.

No mes de abril haberá dúas rutas. A primeira está prevista para o día 13, para facer a ruta arqueolóxica do Acevedo, en Outeiro de Rei, que ten 11 quilómetros e unha dificultade baixa. Esta ruta dá comezo en Marful, xunto á igrexa e percorrerán zonas consideras Ben de Interese Cultural.

O domingo 21 o percorrido será polas Pontes, concretamente a ruta do río Ponte da Pedra, que ten 12,5 quilómetros de dificultade baixa. Esta ruta comeza no lago para facer un percorrido polas antigas instalacións mineiras.

Rematarán o ciclo o domingo 12 de maio par facer a ruta polos Muíños do Xábrega, en Sober, de 13 quilómetros e dificultade media. A ruta comeza no pazo Casa Grande de Rosende.

A organización lembra que é importante levar calzado e roupa cómoda para estas rutas e cada quen deberá levar a súa comida, para desfrutar do xantar en plena natureza.