Skip to main content
BurelaCultura AMARIÑAXA

A oposición fala: Burela

Por 20 Abril, 2024Abril 21st, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

A oposición burelesa está formada por Manuel Rouco, do PP, e Alberto Eiroá de SON Burela.

Á fronte do Concello de Burela atópase por primeira vez unha muller, a socialista Carmela López, que fora Concelleira de Servizos Sociais e Mar no anterior Goberno de Alfredo Llano. Para poder gobernar tivo que facer un pacto de Goberno co BNG.

En Burela tamén existen dous partidos á fronte da oposición, o veterano Partido Popular e o novo SON Burela, creado no 2022. “Un dos papeis fundamentais da oposición é o de control e fiscalización do labor do equipo de Goberno. Ademais, cremos que a oposición debe facer chegar ao Concello os temas que lle solicitan os veciños”, di Manuel Rouco, concelleiro do PP, e desde SON Burela basean o seu papel de oposición “sobre tres conceptos: vixiar a xestión do goberno, cuestionar as súas decisións e facer propostas. Ademais disto, sempre traballamos con respecto”.

Manuel Rouco, do Partido Popular, é concelleiro dende xuño do 2019, despois de encabezar a candidatura para as eleccións de 2019 e 2023. É o principal grupo da oposición tras quedar a 4 votos do PSOE. Pola contra, Alberto Eiroá, tras unha sobremesa con varios amigos, comezou a “intentar arranxar o mundo”, o que foi a semente do partido político. Despois presentouse ás eleccións e logrou o apoio necesario da veciñanza para que o seu partido obtivese representación no Concello cun só concelleiro.

“O labor da oposición non é fácil e ter vocación de servizo público é fundamental, por iso é gratificante ser útil aos veciños e aportar ideas”, sinala Manuel Rouco

Para ambos edís é importante “escoitar aos veciños e aos distintos colectivos, atendendo ao que precisan e tratando de aportar ideas e solucións para mellorar a súa vida diaria”, di Rouco, ”estamos en contacto permanente coa veciñanza para coñecer as súas demandas e trasladalas”, engade Eiroá. Ambos partidos aportan propostas pois “é a mellor forma de axudar a mellorar a vila”, engade Eiroá.

Formar parte da oposición non é un labor fácil xa que “supón buscar tempo á marxe do traballo de cada un e do resto de tarefas da vida diaria de cadaquén”, di Rouco, malia “a vocación de servizo público é fundamental, por iso é gratificante ser útil aos veciños e aportar ideas”.

Eiroá di que “o sacrificio máis grande chega no momento en que te das conta de que tes que asumir, que todo o traballo que podes facer, as iniciativas que podes aportar e as opinións para mellorar Burela, non serven para moito, pois no noso caso a alcaldesa deixou ben claro nun Pleno que o Goberno local vai facer o que queira cando queira”, pero tamén destaca que os dous grandes beneficios son “a relación coa veciñanza e coas asociacións, e outro é a motivación persoal para traballar en non defraudar a esas 283 persoas que depositaron a súa confianza en nós”.

“Ter lealdade coas asociacións, co comercio local e con todos os sectores do municipio para facer de Burela un pobo con vida e con futuro“, di Alberto Eiroá

O Partido Popular xa estivo no Goberno anteriormente polo que di que “contan con experiencia suficiente e cun proxecto de presente e futuro”. O seu obxectivo é cambiar a dinámica actual de perda de poboación e servizos a través de políticas que fagan atractivo vivir e traballar en Burela. “Queremos que a nosa vila volva ser un referente na comarca da Mariña”.

Son Burela pola contra cre que de chegar a gobernar tratarían de ser “lóxicos, xustos e leais. Pois a lealdade de cara ós veciños pasa por cumprir coa palabra que se lles dá. Ter lealdade coas asociacións, co comercio local e con todos os sectores do municipio para facer de Burela un pobo con vida e con futuro”.

Ambos partidos son bastante críticos co Goberno local, do que din que “fan unha promoción e publicidade de si mesmos moi boa, é digno de admirar. Facer promoción de eventos organizados e traballados pola veciñanza e polas asociacións da vila, de tal forma que o Concello remata adxudicándose o mérito, non o consegue calquera”, di Eiroá, ao que Rouco engade, “é boa tentando facerlle ver a parte dos veciños que fai algo, cando a realidade é que a súa xestión deixa moito que desexar”.

Pero como di Eiroá “o que pasa na pista queda na pista, e esta filosofía é a que me acompaña tamén no mundo da política. O que nós poidamos dicir nos Plenos e nos debates nunca o traslado ó persoal”, e Rouco sinala que “a relación é cordial; aínda que nos gustaría que se nos tivera máis en conta xa que tamén representamos a parte dos veciños.”

Para chegar ao Goberno, ás veces hai que facer pactos, ao que o concelleiro do Partido Popular di “que quen debe de gobernar debe de ser a lista máis votada, para poder desenvolver o seu programa con liberdade e que así os veciños poidan decidir, cada catro anos, se a súa xestión foi eficaz ou non”. E para Alberto Eiroá “non estamos a favor nin estamos en contra, para iso existen normativas que regulan estas situacións”.

Dentro dos programas e propostas que presentou o Partido Popular, as súa tres principais liñas de actuacións e coas que se presentaron ás eleccións son o asentamento da poboación, de empresas e a dinamización económica e social. Ademais, Rouco di que dentro das necesidades do municipio, “hai que modificar o PXOM e a concepción urbanística, crear un polígono industrial, mellorar as instalacións deportivas ou reorganizar o mercado dos venres, entre outros”.

Desde SON Burela, Eiroá di que o principal é o tecido asociativo e veciñal pois “é un piar fundamental no día a día. Consideramos imprescindible escoitalos, apoialos e, sobre todo, darlles solucións as súas necesidades e incidencias”. E engade que “se queremos ser un pobo con vida e con futuro, é imprescindible dinamizar o ámbito económico, pois isto provoca que Burela non avance, e provoca que quedemos varados no tempo e tan só sexamos un pobo dormitorio”.