Skip to main content
Burela

Preto de 600 ximnastas participarán na Primeira Fase da Liga Provincial de Ximnasia Rítmica en Burela

Por 19 Abril, 2024Abril 20th, 2024Sin comentarios

Burela acollerá, no pavillón Vista Alegre, a Primeira Fase da Liga Provincial de Lugo de Ximnasia Rítmica nos niveis Escolar, Promoción e Pre-base. Trátase dunha das citas máis importantes da ximnasia na provincia de Lugo, e contará con preto de 600 ximnastas participantes que se darán cita este domingo 21 de abril.

O equipo local, a Escola Porta Norte, que conta cunhas 70 ximnastas en Burela, contará con participantes en todos os niveis da competición. “Dende o Concello de Burela sempre apostamos polos eventos deportivos de nivel, como é o caso desta competición”, sinala a alcaldesa Carmela López. A rexedora quixo dar o seu appio ás ximnastas da Escola Porta Norte, “que de seguro lograrán excelentes resultados nesta cita”.

Pola mañá do domingo disputaranse as competicións do nivel Promoción nas modalidades de Conxuntos e Individuais e do nivel Escolar nas categorías Iniciación, Cadete e Senior. Pola tarde competirán o resto das categorías do nivel Escolar, a pre-benxamín, a benxamín e a alevín, e o nivel Pre-base. As ximnastas participantes buscarán acadar as mellores puntuacións posibles para lograr pasar ao Campionato Galego na Segunda Fase da Liga Provincial, que terá lugar en Monforte de Lemos o día 11 de maio.