Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAViveiro

Cabaleiros do Landro: “Non queriamos que se perdera a Feira das Maulas de Galdo, que ten máis de 300 anos”

Por 28 Abril, 2024Abril 29th, 2024Sin comentarios

O colectivo, responsable das carreiras de cabalos en Viveiro, asume por primeira vez a organización da cita, que inclúe mercado popular e probas de andadura e na que esperan congregar afeccionados do mundo equino de todo Galicia

Por Lucía Blanco

O vindeiro 12 de maio Viveiro retrocede no tempo coa Feira das Maulas de Galdo, unha xuntanza con máis de tres séculos de historia que naceu como feira franca, na que os veciños vendían aparellos de labranza, gando e comestibles como pan ou froita. Os Cabaleiros do Landro de Viveiro estréanse como organizadores da cita, paso que supón “unha enorme alegría” porque implica seguir gozando dunha tradición coa que pretenden congregar “xente do mundo equino de varios puntos de Galicia”, explica David Gradaílle, secretario do colectivo.

Por que deciden facerse cargo?

Non queriamos que se perdera esta feira tan tradicional e tan antiga, que ten máis de 300 anos. Temos que conservar feiras coma estas que se van perdendo pouco a pouco.

Póñense á fronte despois de que o Concello e a asociación Camiño de Galdo non poidan asumir a organización por falta de fondos. Como están a formular a financiación?

Contamos coa axuda das empresas da zona que aportan a cambio de patrocinios, con fondos da nosa asociación e intentamos recortar nalgún gasto.

Como marcha a planificación do programa?

O traballo de organizadores ímolo levando ben, porque temos experiencia das actividades que vimos facendo estes anos. Tamén nos está botando unha man os veciños de Galdo. Dá traballo e hai que moverse para encontrar patrocinadores e facer as xestións necesarias para ter todo ben organizado e en regra.

A veciñanza da parroquia amósase satisfeita con que se continúe coa tradición?

Están contentos con que non se perda esta feira, non deixa de ser un día importante para os veciños de Galdo como foi sempre.

Impulsan unha feira de gando das de toda a vida.

Imos ter mercado popular e feira de gando con curros habilitados para facilitarlle as cousas aos gandeiros e que se animen máis. Gustaríanos que fora un día de tratos como se facía antigamente e darlle visibilidade e viabilidade a este mercado. Despois teremos sesión vermú co trío La Noche e bar para poder comer polbo ou churrasco.

Carreiras de cabalos organizas polos Cabaleiros do Landro.

As carreiras son outro dos pratos fortes.

Teremos carreiras de andadura galega federada coa proba puntuable para o Campionato Galego de andadura. Empezarán ás 11 da maña, párase para comer e retómanse ás 16.00 hora. Pola tarde, a partir das 17.00, tamén se organiza no campo de fútbol un partido amistoso. Para os máis cativos haberá inchables e, por último, a entrega de premios á que seguirá de novo a actuación do trío.

Que esperan desta edición?

Esperamos moita afluencia de xente, que acompañe o día e que todo saia ben sen contratempos. Ao final supón unha alegría saber que non se perde esta tradicional feira e que a xente queda contenta.

Pretenden que sexa un evento habitual?

É un paso adiante que damos como asociación. Está claro que queremos que non se perda, pero non é seguro que nos poidamos facer cargo da feira a partir de agora sen axudas económicas porque temos dous eventos máis o largo do ano que levan moitos gastos.

Cales son as próximas citas do seu calendario?

Temos as carreiras de Viveiro que se celebran no campo de fútbol de Celeiro o 14 de setembro ca final do Campionato Galego de Andadura e o día 15 cas carreiras libres de andadura e feira de gando. E o día 28 de setembro tamén temos a ruta cabalar.